Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

10/5/18

Bananas

Cerrou o taller, colleu a Triumph e saiu pitando, aínda tiña que pasar pola casa. Houbo choio pola tarde e tivo que recoller e curiosear e facer algo de limpeza e asearse un pouco. Inequivocamente tiña que acontecer que cando había entreno sempre era o día que máis traballo aparecía.
A noite non era apacible nin moito menos, de inverno do de acó, facía frío, chovía non seguido pero por veces sarabeaba. Por iso, e canso como estaba non era o que máis lle apetecía a perspectiva das dúas seguintes horas, pero sempre foi un deportista nato e nunca arredou polo tempo, ultimamente afogábao estar tan atarefado. Por riba a fin de semana habería derbi, tocaba extramotivarse, por sacrificio e correr coma nunca que non fora.
No traxecto a casa espeliuse, entre a velocidade e o frío xa cambiou o chip. Chegaba xa tarde, xa levarían os outros vinte minutos.
Pouco máis ía facer que coller a mochila e as chaves do Corsita, non tiña gañas de mollarse despois de acabar e ducharse. Pasou por diante da cociña, formigueáballe o estómago e colleu un plátano, mataba a fame e previña as maniotas. Non reparou en que cando tirou as pelas riba da mesa caeron pro piso.
Unha cousa levou á outra.
Mentres comía o plátano acordouse do Banana, o mellor xogador de fútbol que pasou polo pobo, aínda que non chegou a xogar no equipo, seu irmán Marcos si. Banana foi campión provincial estando no colexio e vestindo coma Brasil, despois non foi coñecido polo alcume senón polo seu nome de pía, Juanín, e acabaría xogando en Preferente e en Terceira co Lalín e en Segunda B, onde foi un dos bastións do CD Lugo, un portento físico e técnico; sempre lle lembrara a Diego Armando, o mesmo descomunal tren inferior, a mesma estatura e a idéntica xenialidade. Coñecérao por seu avó materno que era do Deza e tíñao levado o Manuel Anxo Cortizo. En diante sempre o seguiu por que o maravillaba velo moverse polo campo, coa súa elegancia controlando, manexando e desprazando o balón.
O entrenamento non foi especialmente duro por ser o primeiro da semana, tamén se tragou o máis fodido, foi verdade. Despois ducha e xa no pobo repor forzas con todos cunhas totilliñas de patacas, tragouse case de penal dous aquarius e máis repousado, un par de cervexas. Cando chegou á casa non tiña outra idea que meterse coma un tiro no sobre. Nin acendendeu a luz.
Unha cousa levou á outra.
Pasou e esvarou na cáscara do plátano, o golpe na cabeza contra unha beira nin se sabe de qué. Non acordou máis.
Estivo catro meses en coma e acordou un dez de maio sen máis, cunha fame negra:
-Que putisma gaña dun plátano, mi má.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

3/5/18

Amateur

Que ten que acontecer pra que o fútbol te absorba de tal maneira, que ames o teu equipo de xeito tan profundo que amarías a unha parella, a unha nai, a un fillo. De maneira tan fonda que che se inscruste nas entrañas, que fai que te escagarrices desde o día antes do encontro, que votes a semana soñando co gol que nos salve a vida, en como o meterías ti se o primeiro balón que viche foi unha libra de chocolate, se sempre fuches un trenco, máis zopenco e menos listo ca Merlín.
Eso forma parte de querelo, desas pequenas cousas que fan que te derretas. Amateur ven do latín de amare. Os amateurs, somos os verdadeiros amantes do fútbol, quen te vai entender cando te namoras; naide alleo ao amante pode escudriñar a angustia desa paixón, naide corrompido polo que non é puro fútbol pode amalo con extrema ternura, co máis profundo cariño e sentido respecto. E entregarse a el sen reservas, non só coa superficialidade de quen só ve unha victoria.
É irrisorio emparapetarse detrás dun deses grandes clubes que só lles está permitido vencer hoxe e mañá e pasado e o mércores, e perder é traicionar a honra. É alí onde se permite que un resultado cuestione toda inversión. O verdadeiro amor mancillado polo diñeiro. Salvando as distancias cando se introduce na parella a hipoteca, o estado de benestar, xa é outra cousa: unha institución, lícita si pero é outra cousa, máis.. como diríamos? matrimonial, máis contractual economicamente falando. Si pode ser o que todos queren, o que todos aspiramos, e respiramos. Pero na búsqueda da pureza debe mimarse a orixe, o principio de toda relación, cando os ollos o din todo, só o máis sinxelo é auténtico.
Na sociedade actual de perspectivas desvirtuadas prima o éxito como telón de fondo, o fracaso non se comtempla e menos se desexa, de xeito que nos vemos incompletos se non damos a talla en cada faceta vital. O superhome esixente e intelixente perde. Algunha vez tiña que ser a primeira.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

5/3/18

Ferdinand de Saussure


Con só estirar o brazo e tentar apreixalos coa man parece que estan aínda aí, os inagotables anos mozos, a morriñenta infanza, a gallopante madurez non tan lonxana. Con esta tenaz e fría choiva, agardando polo semáforo, todo semella tan vívido e leve como outro lado da rúa, nada recorda o duro asfalto que surca entrámbalas duas aceras. Claro signo do outono cando na mente empeza a subxacer a Semiótica do inverno.
A Ferdinand de Saussure, no seu único ano como xogador universitario do que hoxe viría a ser o RB Leipzig (Rasen Ballsport ou Red Bull, vai ti saber que metáfora intrincada e rebuscada quixeron vender detras desa erre be) véuselle o mundo encima cando o míster August Leskien, despois de dar a lista de convocados e ver que tanto o bigardo 9 Frédéric, tocaio de seu pai, coma o espelido extremo dereito do equipo o xenebrés Bally (ao seu tempo pai do que casualmente seria o alumno máis avantaxado de Saussure, Charles), non ían xogar o domingo seguinte por estar mancados. August, á súa vez non era tan só un apaixoado futboleiro de finais do século XIX, era o mentor neogramático de Ferdinand. Logo de dar a lista sinalou a este último co índice destro partindo do seu poblado moustache: -Ti farás de nove. Ferdinand, que habitualmente xogaba de 5, medio centro defensivo da época, duro e puro, non pasaba do medio campo p'arriba, non viu os signos e non se contivo, e aínda que pensou que susurraba espetou con claridade meridiana: - Buah, se gañamos vai ser de puto miragre. August Leskien era un temible e lexendario carácter, nas aulas e sobre o verde tapete. E voltou sinalar a Saussure, esta vez co índice da man esquerda: -Vostede acábame de desestructurar, comigo non voltará xogar máis. Así foi. Ferdinand abandonou o fútbol, sentiu o batacazo do duro asfalto, abandonou o plácido verán da adolescencia e de golpe colleu a senda que lle deu significado, e tamén significante. A lingua e a fala.
O resto da historia é ben coñecida: Ferdinand rematou os seus estudos de sánscrito e como lingüista acabou enfrontándose e traizoando a seu mestre August, e sentando as bases da lingüística estructural.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

26/2/18

Cando ti non esteas


         Cando ti non esteas probablemente escoite "In this shirt" unha e outra vez e me escorran as bágoas a fío entre os sucos dos miolos. Diríasme un día que con ninguén te entenderías igual nin dentro nin fóra do campo, nin dous amantes terían tal entendemento para que con leves miradas trazaran liñas de pase e con ausencia visual, a intuición dunha internada mortal de necesidade. Por iso é verdade que con esta camiseta podería sentir a túa presenza un anaco máis. E lembrarei que "well i wonder" de Meat is murder dos Smith foi a primeira canción que xuntos tarareamos daquel primeiro de cantos álbumes teremos intercambiado. Non é casual tampouco que sexa a portada daquel disco esa imaxe que se me ven: dous soldados atiburrados de chaquetas metálicas baixo a incesante choiva, coa ameaza de Damocles, co enemigo enfronte, compañeiros de armas guns for hands, co rival por batir. E vóltame á cabeza a xogada, pásasma no medio, douche continuidade co calcañar e non a pensas, dende corenta e cinco metros deixándoa correr un palmo golpéala co exterior da zurda, a que menos usabas pero que xenio tiña. Eu quédome atrás e podo ver a traxectoria que describe o balón, unha parábola sen igual que parece que se vai fóra dous ou tres metros e vai cerrándose, cerrándose, cada vez máis a cámara lenta pra entrar por toda a escadra co porteiro voando pra non dar chegado.
         Cando ti non esteas custará chegar ao fin dos días, non todos temos a tua visión do xogo, nin podemos ser sempre boas persoas. Cando che fixeron aquela durísima entrada onde libraches o xeonllo de miragre e te levantas -Pero como me entras así cona, que me podes facer moito dano carallo- nun ton e co teu sorriso devastador que impón tanto que che acaba implorando o perdón máis arrepentido que puiden presenciar nunca.

      Cando ti non esteas faranse moi costa arriba as carreiras porque non teremos o teu alento e aínda que sabemos que temos que chegar ao final ímonos perder no monte do olvido. Eses montes que tan ben coñecías, que tanto te facían disfrutar, ese río que vai dar ao mar que tantas veces adoitabas cruzar. Se cabe de noite nadar, coa lua, chea de que, alí toda pendurada. Haberá días que non darei un paso máis e non intentarei dubidar da túa ausencia, imitando un dos teus regates secos que te deixaban sentado, sen capacidade de reposta.
        Sempre fuche un alien divino neno, e así ten que seguir sendo aínda que ti non esteas.


(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

10/2/18

Os números

- A ver ho, non será tan difícil? Ten que ver co que rodea todo isto, traballo, esforzo, superación, amizade, compañerismo,entrega, lealdade.... Ese é o punto de partida...
- Pois aí é nada meu, non dis ti pouca cousa. E partindo dises ingredientes que cociñas?
- A isto faltáballe unha volta de torca, tiña imaxes, unha banda sonora, doses de realidade en crónicas pero vese moi monográfico, se queres individualista, un pouco alleo a ficción por un lado e dándolle o cú ao social por outro.
- Entón ?
- A idea era promover unha obra senlleir , un traballo colectivo, a participación, un grafitti, un puzzle coral pero todo elo en negro sobre branco. Eu que sei... pseudoliteratura, prensa, ensaio, contos, relato breve ou minúsculo etece..., e todo aberto á toda a nosa xente ou noso mundiño, que seguro ten cousas que decir.
- Coma un modesto Número Cero do Eco
- Que va home, tanparantan... esas son palabras maiores. Unha cousa máis... máis vanal, ho, intrancendente, pero ao mellor máis divertida.
- E nós de Gran Hermano? Coma o home do mazo?
- Non tío, nós cortar e pegar e como moito coordinar.
- Non sei non o vexo, sin marcar unha pautas, unhas directrices? O mellor con outra cervexa....
- Será por birras. Ponnos acó outras dúas e uns pincholos, se tes a ben. Nada, o das pautas é pra valorar. Pero mira, falando de graffitis... estes dias aparece na prensa Carballo, que nós ven como anel o dedo (sen Santo pero ben tallaos carballos coma nós), ben, nunha medida pra paliar o feísmo urbanístico convocan un concurso, no que prestan fachadas de edificios con deterioro a disposición de artistas urbáns pra creacións libres. Directrices puxéronlles poucas, pero bueno eran profesionais, e debían ter unha obra contrastada, e os contidos deses lenzos urbáns poderían incluso dar cabida ata crítica social.O resultado é deslumbrante, abraiante.
- Voute pillando, pero aí medios seguro que puxeron a sua disposición...
- E ti que necesitas? Nada. Que che manden material o correo do perfil e ti ofreces este enorme espacio en branco na nube. Se ves que vale pra publicar falo e senón non. A única condición pra darlle unha uniformidade e inspiración: que encaixe co título da páxina. Valeche ? Antes falache de Eco, aquí penso que encaixaria máis un" De que falo cando falo de correr".
- E se.....? por un lado creas dous espacios, un que encaixe con ese título, e outro libre coma nun libro de relatos breves, así ao mesmo autor daslle dúas posibilidades, e ti tes por un lado unha uniformidade coa disciplina do entrenamiento e por outro daslle pasto a creación, a xenialidade individual, é dicer o fútbol total.
- Oe, pois tamén vale, así sexa.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

Capítulo 2


Custa saír da dor si. Pero despois foi fácil, foi unha guerra de cariño. Foi un saír a un camiño descoñecido, pero non distinto a outros c amiños. E dáste conta que levas aprendido cousas que che amosan cada pequeno truco pra tomar e elixir as opcións que precisas. E miras e remiras pros entrenos e sabes que só hai un camiño: turrar, adestrar, cacholear pra saír pra diante. Isto non o aprendin nin na miña testa. Adestreino dos meus nenos que me levan ensinado tanto. Desde o seu cariño ata como saír dunha lesión tras outra, de pórse unha braga polar, un día de frío que non se para, ata con febre, pra votar a merda pra fora. De traballar por unha paixón única que os fai manter vivos, unha paixón que se resume na vida mesma: hai que vivila, é o que tes.
Desgraciadamente non disfrutei do fútbol como houbese desexado. Tan só un tempo a postre minúsculo divertinme, xogaba como sabía ou podía, competía, disfrutaba de cada amigo, de cada entreno, de cada experiencia, de cada viaxe, de cada segundo de encontro. Foron tres anos plenos pode mais, pode menos. Logo os problemas de espalda, dificultades respiratorias, a desmotivación por xogar menos, a universidade, funme decrendedo e medrando doutro vagar, funme descrendo en min, alargando noutro lar, fun minguando na esencia básica de ter fe no traballo constante. Abandoneime, deixeino. Xurdiu outra vida. Lamenteino e lamento trinta anos despois abandonar o fútbol. Aínda ten pouso de tristura, darlle patadas ao ar desde o sofá, tentei reconciliarme e ás venadas deume por tentar probar coa achicoria do esferérico, cos capuchinos do balón de café, co fútbol 7, co futsal... polas pistas aguantei ata os cuarenta e cinco, non estivo mal tentalo pero nada sería semellante.

Si me deu a revancha do fútbol propoñéndome velar pola historia do meu equipiño. De obsesionarme con el ata o punto de sentilo como un sinvivir. De comerme os nervios cada segundo da miña vida. De adestrar o corazón a golpes con cada sufrimento de cada un dos meus pequenos, deses novos filliños adoptivos que fun vendo medrar, que sen ser un verdadeiro pai quíxennos como tal, preocupándome de cada unha das suas bágoas de emoción, de dor, dunha derrota, dunha lesión, de traxectorias truncadas. Desvivíndome porque puidesen disfrutar ano tras ano da súa paixón, a pesares dos erros de xestión, dos da burocracia, do frío ou do calor extenuante, de pelexar por cada centavo pra cada ficha, pra gasoil, pra linimento, pro cal, ou pra un bocadillo deses que de verdade prestan.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

Capítulo I


     Hoxe chegounos a redacción o pior relato posible pra facernos entender que pra querer turrar o primeiro no entreno, teste que esquencer de toda a beleza que emana do deporte. De esquecerte dos golazos, da plasticidade de cada imaxe dunha pugna entre dous rivais dun salto maiúsculo na disputa dun balón aéreo. Iso non o podes valorar pra cando queres porte en forma, pra dar o máximo de ti cando a situación cho vai esixir. Cando a vida te vai por ao límite. E só vas a estar cara a cara, face to face, coa toda súa crudeza.O relato é duro, pero habelos hainos moito piores, seguro segurísimo: a morte dun meniño nunha plaia de Siria, ou polas míseras mans dun descerebrado violador, a fame no mundo, a loita contra o Alzheimer, a ineptitude burocrática por mellorar e paliar problemas que afectan á subsistencia do día a día de miles de persoas que non poden chegar a pagar míseros recibos, e deben pelexar por que lles sexa dispensado un salvador ventolín. Iso si... a corruptela do poder impasible preocupada exclusivamente por non perder a súa verborrea impoluta, e uns escanos que deben ser a hostia de cómodos.
     Todo xurdiu asi pola tós. Decíanos o inesquecible doutor Doel, a tós hai que tosela. Xa non quedan médicos como os de antes, era sanador só o seu carisma. Chegaba xunto de miña avoa Herminia, e espetáballe: "Herminia aínda non morreche carallo" e miña avoa por moi maliña que estivera poñíase mellor ipso facto.
     O caso é que se aglutinou todo. O mundo máis menos plácido que mantiña, despois do outono tornou nuns olliños cargados de tristeza, de mediño, lamentarei non terlle preguntado: “Papá que te entristece?” Quizais soubera xa eu mesmo unha resposta que en realidade non queres oír.

     Chegou logo un maldito inverno, que este ano si que veu como tiña que vir, marcando os tempos. Frío, auga, en xaneiro neve, en febreiro frio, en marzo marzea, en abril augas mil, en maio maiea. E no fútbol... ata ben cargado de lesións, de emocións, de opinións, cando menos se precisan precisamente, todo o necesario nos equipiños pobres de planteis xustos, de ideas xustas e cartos inxustos.

     E xusto canto semella que non eres xa a máis guapa, nin a popular do colexio, e as mellores amizades te deixan un pouco de lao, porque esqueciche un saúdo no café, se cadra por que estabas pensando en ir pasala ITV. Manda carallo mañá xa cho pagarei, e chega mañá e espeta secamente xa esta paga: marcho que teño que marchar. Bueno logo, empezan saúdos dos secos, coma os figos, hai fibra pero pouco sabor. Así a vida vaise enmarañando. Ti sen sabelo, nin te enteras.

     E logo por fín volta falar da tós. Esta tós foi doutra, viña metastizada. Naide contaba con ela. Nin co demais. O meu mes de febreiro, o do meu dia 10 de Maradona, Messi e Pelé, e porque non dicilo ese que é o meu mellor 10: Marquiños, que nun arranque de xenio un día llo cedeu pra sempre ao Jacobo, outro dez de moito carallo. Veu febreiro arrasándome, asolagándonos. Chegou cebándose na cadera de miña nai, minando a meu pai, cun catarriño pagándolle ingratamente tanto esforzo que facía por non despegarse dela. Por fin chegou un aparente e grato día da volta a casa. Agás que ese día tiña que ir despedir pra sempre a un vello e querido amigo Isidro Novo, que prematuramente e por enfermidade nos deixaba pra sempre, de mala gaña seguro. Tempos de Isidro, tempos universitarios daquela radio Clavi, parrafadas nos viños, a súa conversa sempre grata, amable e vozarrón arrebatador... Foi venres o día que tamén mandaban pra casa a miña naiciña, e xa non puiden ir sequera ó ultimo recital de Isidro. Ao día seguinte foi sábado e meu pai apareceu mortiño na cama, inesperadamente, cruelmente, só co pequeno alivio de que ó mellor apenas sufriu. Pouco consolo. E nisto vén o luns, o día máis frio do inverno, o día do seu enterro, dia tamén de acudir a unha inenudible e decisiva cita co neumólogo... E así me deron a nova: cancro de colon. Non hubo tempo a asimilar nada, só queria voltar xunto de meu pai, por última vez.


     Así acabou ou quixen que acabara todo aquel desastre. Esa noite miña mente empezou a adestrar...

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)