Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

19/12/19

A Iker Casillas


Insuperable, máxico Casillas.
Para min o meirande entre os mellores.
Cheguen a ti, sentidos, meus loores.
Túas paradas, despexos... ¡marabillas!

Valentía e entrega, nobres fillas
son sempre na defensa das túas cores.
Familia e fútbol son os teus amores.
Bo en Madrid, en Porto ou nas Antillas!

Da estirpe dos Acuña e dos Zamora,
e tantos outros de inmortal memoria,
continuaralo sendo nesta hora

de euros e de dólares... Túa gloria
en Portugal e España, triunfadora
ha ser sempre, do fútbol na súa Historia.


Xoán Xosé Fernández Abella, Loanzas sentidas e outros poemas


8/11/19

O partido

Despois do asubío, Omar detívose. O balón pasou ao seu rente, batuxándolle as canelas, mais non foi por el. Arrodeado dos defensas contrarios, dirixiuse nun andar bacento á outra banda, cara ás bancadas. Restras de paraugas medraban ao abeiro do teito de formigón, inútil polo oblicuo da chuviñada. Máis abaixo, no centro, un buraco escuro e con aspecto húmido sinalaba a porta de entrada aos vestiarios.
Mentres avanzaba, Omar topaba con pozas de diversos tamaños, que reflectían o fulgor dos focos entre o tremedal. Decote pisábaas de cheo, sen se importar por se enchoupar e enlamar aínda máis. As botas atinxíranlle un feitío indeterminado. Figuraban unha masa de cor borrosa a se erguer ao ritmo das súas pernas esguías, como de libélula.
Ao se achegar aos vestiarios, os rapaces outrora dispersos íanse aconchegando en forma de funil. Malia a proximidade dos corpos fumegantes de suor, ao redor de Omar nada enturbaba o zunir da choiva e o zarrapicar das botas.
Enxergando á porta dos vestiarios o adestrador e os suplentes, abrigados e secos, case impolutos en comparación, Omar sentiu un orgullo case insultante. Despois dun novo intento de secar a face pasando a manga pola testa, cuspiu. A piques de acadar o abeiro, un dos seus petoulle no ombro e sinaloulle a bancada.
Axiña distinguiu a silueta envolta nun chubasqueiro por completo acugulado de auga. Aínda cuberto coa carapucha apertada a conciencia, distinguiu as bochechas coradas e os ollos vidrosos de seu pai. Case lle parecía cheirar o bafo de whisky barato que lle expelería o fuciño. Aproximouse azancando, coma con présa.
Oes Omar, ven aquí. Tes que dicirlle ao adestrador que che saque agora, na segunda metade.
Tito Pérez, de Vinte fragmentos de mocidade feroz, 2016, Toxosoutos




13/10/19

O cantar dos gardametas


Permítanme que intente eu romper aquí unha lanza por Robert Green, o porteiro da selección inglesa de fútbol que tan clamorosamente fracasou cando pretendía deter o balón que un xogador do equipo dos USA mandara -con escaso perigo, iso é certo- contra a meta da que el reparaba e que supuxo un empate co que non contaban os entendidos que se viron na necesidade de abandonar a restra de tópicos na que estaban comodamente instalados e ir botar man da que teñen escrita na páxina do manual correspondente á sección “Isto é algo que eu tiña clarísimo aínda que non o quixera dicir en público” mentres aproveitaban para intercalar burlas, non sempre de bo gusto, e superficiais xogos de palabras a costa do apelido do futbolista.
Postos a procurar un culpable o máis doado é xogar a baza do porteiro. Os fallos de calquera dos outros dez quedan sempre algo disoltos no barullo do ir e vir do grupo mentres que o gardameta non ten, polo xeral, con quen os compartir e debe cargar el coa responsabilidade toda. Estoutro día os ingleses e mais os estadounidenses empataron a un gol no partido de fútbol que xogaron entre eles e todos os comentarios –ou case todos- acabaron, tarde ou cedo, por ir dar ao gol ianqui como se todos os demais, uns e outros, non tivesen a obriga de marcar máis goles que o rival e gañar así o encontro sen ter que agachar as súas responsabilidades por baixo da alfombra da “cantada” de Green, “cantada” que serviu tamén para que todo o mundo souberamos que hai pouco tempo este home rompera coa súa noiva e que, se cadra, esta cuestión sentimental sexa en certa medida a culpable dos frouxos resultados do “English Team”. Tamén se anda a dicir algo da influencia que no seu rendemento deportivo ten a actual relación amorosa de Iker Casillas. O clásico: “Cherchez la femme”. Pero a do gardarredes.
Un día no Chillida Leku o meu amigo Joaquín Forradellas comentábame, eu diría que máis en serio do que a primeira vista podía parecer: “Fíxate ben e dime se non se coñece que o artista xogara de porteiro na Real... Todo canto ocupa un lugar neste espacio verde está distribuído da maneira na que a un bo gardameta quere ver aos demais xogadores situados no campo”. E a min pareceume que si. E se cadra por iso agora penso que se o pasado día 12 os compañeiros de Robert Green estivesen no sitio no que, táctica e mesmo esteticamente, el desexaba naquel momento, outro sería o resultado.
Supoño que non é preciso que diga aquí que un servidor, na súa xa tan afastada mocidade, xogaba de porteiro.
P.S. Hoxe a selección española xoga contra a de Honduras e, gañen, perdan ou empaten, Casillas fai moi ben en estar namorado. E a selección portuguesa enfróntase á de Corea e, gañen, perdan ou empaten, será fermoso que ofrezan algo do seu esforzo á memoria do mestre José Saramago.

Paco Martín, publicado o 21-6-2010 na sección "Auga lizgaira" de El Progreso 

24/9/19

O planeta nun pé

Milleiros de quilómetros separan un indio amazónico co número 9 da camiseta de Ronaldo pintado no lombo duns tuareg que atravesan o Sáhara na busca dunha improvisada antena para sintonizar o Mundial de fútbol, e duns nómades mongois que procuran a sintonía precorrendo o deserto a cabalo e coa televisión ás costas. Milleiros de quilómetros os separan, pero o fútbol úneos nunha paixón común que leva a estes divertidos paradoxos da globalización que son o tema da película La gran final.
A paixón polo fútbol atravesa o planeta como unha descarga eléctrica. É algo universal. Persoas que se descoñecen xúntanse e abrázanse como se existise entre eles un afecto e unha camaradería antiga. A ilusión pola vitoria elimina calquera tipo de fronteira, calquera prexuízo. Só importa o que os une: a cor das camisetas do seu equipo. O que confirma unha afirmación que lin recentemente na prensa: “o fútbol demostra que as barreiras das culturas son franqueables por unha paixón tan intanxible como esas mesmas barreiras”.
O futbol, menosprezado ata hai pouco como os tebeos e as novelas de vaqueiros por ser de consumo popular e masivo, mereceu nos últimos anos un recoñecemento e unha revalorización que non precisaba. Os intelectuais, os facedores de teorías e literatura, os investigadores semióticos baixaron ao campo de xogo, achegáronse aos siareiros, aos xogadores e ao árbitro, acompañaron o futbol de cualificativos como épico, heroico, divino, e expandírono en substantivos como afervoamento, forza, idolatría e mesmo patria e bandeira. Tamén os directores de cine se achegan a el. E vaian como exemplo as tres últimas películas nas que se trata o tema: a devandita La Gran final, a mexicana El gol, e a hispano alemana Galatasaray-Depor, con magníficas interpretacións, segundo a crítica, de Luis Tosar e Miguel de Lira.
Do fútbol a min quédame o eco nostálxico dos locutores do Carrusel Deportivo, imaxino que como á maioría de vostedes. Non me producen o mesmo efecto agora as voces televisivas que invaden os patios coa retransmisión do Mundial de Alemaña. A nostalxia ten esas cousas, non se pode actualizar como un antivirus. E tampouco lle acabo de atopar ao fútbol ese encanto da maxia e das estratexias, nin esa metáfora que o relaciona coa mesma vida, cos seus claroescuros, coa maravilla de que cada partido, cada accidente que se converte en gol, sexa único, como únicos son os nosos propios accidentes.
Para os afeccionados o fútbol é épica, beleza, estratexia e diversión. A min merécenme o máis grande respecto, porque cada quen procucra agochos e espazos abertos para berrar a alegría ou calar a derrota. Eu observo ao meu pai sentado diante da tele cando hai partido. Véxoo emocionado, nervioso, inquedo cando lanzan un penalti contra o equipo dos seus amores, e teño a sensación de que o xogador na área de penalti non lle vai dar un chute a unha pelota, senón ao mesmo Planeta Terra. Así de grande chega a ser un balón cando está a piques de entrar nunha portería.
Anxos Sumai, texto emitido o 29/6/2006 no Diario Cultural da Radio Galega

6/9/19

Manín e Cobiñas


   [...] O partido, malia de ser amigable, prevíase a cara de can. Un equipo experimentado contra outro na Pedra Queimada, un campo onde o nordés e as mulleres decidían resultados. Acotío, o vento envolvía o coiro entre os seus refachos para imprimirlle unha velocidade endiañada en dirección imprevisible. As féminas da vila, cos seus cánticos e arengas, afectaban ao ánimo dos contendentes. Conviña ter a favor a ámbolosdous factores.
Os visitantes, de Fisterra, aliñaban entre os seus a Manín, dianteiro bregado en mil trifulcas na área e fóra dela. Cun aspecto de gladiador, así cabeceaba a gol como ao nariz do defensa. Os de Malpica, a Cobiñas, o mariñeiro do fútbol. Un lanzal centrocampista que agarimaba o coiro cos pés. Das botas deles xurdían as mellores xogadas, a eles ían as maiores loubanzas. Saudábanse protocolariamente no sorteo dos campos, mais tal diplomacia finxida remataba co pitido inicial.
Desde xuvenís, o pulo dos seareiros inculcóulles unha friaxiña que ía camiño de carraxe crónica. Se un turraba contra catro defensas o outro largáballe un tiro ao longueiro que estremecía Ara Solis, nomeada cancha fisterrá. Cando Cobiñas coleaba á pares e daba un pase de gol, Manín tiraba un punteirolo para que o directivo tivera que atar ao día seguinte o pano da portería. Non entendían de empates. Mais ambos sabían que non se podían ver desde antes de coincidir nun terreo de xogo. Compartiran estudos na Coruña. Dos pupitres na mesma aula á área hai menos que do punto do penalti á portería.
Aquela xornada inverniza o zolás era certamente froxo. De feito, falouse de suspender o partido por temor a que os fisterráns non deran chegado co autocar. Zoaba o ar que mesmo as bandeiras no frontispicio de Pedra Queimada podían rachar en farrapos nunha das axadas. Ameazaba galerna.
O que si deu chegado a duras penas foi o colexiado coruñés, Sr. San José. Un enxoito home que malia de que non acertara nas súas decisións arbitrais, ninguén ousaba criticalo.
- Árbitro, coño!!!- era o máximo que os seareiros tomaban como licenza. Mesmo cando algún se pasaba desde a banda recibía a ollada retadora do tal San José. Viña sempre acompañado dunha roga de xente morena que non entraba a ver o partido. Permanecían no aparcamento co radio cassete do milquinientos amarelo aceso escoitando aos Chunguitos. Cara A, cara B, cara A...
A algarabía dos seareiros ía ao compás das arrancadas, brincos, remaches e empurróns sobre as calvas do campo. Un caño tiña resposta cunha sachada por detrás. Bulía a pelota dun extremo a outro do rectángulo de lama. A paixón e a entrega dos vintedous xogadores era tal que San José chamou polos capitáns e fixo un aparte con eles:
- Aplaquen a los suyos o empiezo a repartir tantas tarjetas como Unicef -aclarou o de negro.
- Tranquilo colegiado- acougouno Cobíñas. En castelán, como procedía dirixirse a toda autoridade.
- Descuide, trencilla -engadíu Manín cun sotaque de sorna. Era mal do animal.
Bruaba o vento que paría no Atlántico a preamar e os pescos asediaban ao porteiro. Só cabía defenderse e agardar unha acometida do fisterrán Miculita procurando o desmarque de Manín. De feito, un saque de curruncho dos visitantes puxo en garda aos locais. Na tensa espera, había máis contactos na área que nos bailes das festas.
- Estate quieto bicocas ou levas unha lascada -dicíanse o que non constaba en acta.
- De quen? De ti, toina? -encarábase o dianteiro aludido.
San José, nun golpe de mando, quixo erradicar insultos e cobadazos:
- Señores, ¡bastó! -afirmou enérxico cunha man no peto dos cartóns.
O taxante do seu xesto impuso o silencio por uns intres, mais foi rachado polo berro irtio dunha muller desde a porta do recinto:
- Embarrancou un mercante na area de Seaia!!!! Hai xente en perigo, acudide!! -desgañitouse a alporizada veciña.
E así, á espreita do lanzamento de corner, esgazou o xogo. En saímos todos á carreira. Público e xogadores, semellando unha proba de cross, atravesamos leiras e hortas ata albiscar o barco escorado de estribor, afuciñado contras os penedos da costa. A toa treboaba con tronos e alustros. A postal desde a aba do monte de Beo arrepiaba. As amuras recibían as feras bategadas do mar querendo rachar pola metade o barco de pavillón chipriota. O casco rinchaba polo efecto da goldría e, desde a cuberta, brazos e gorxas clamaban auxilio nunha lingua allea.
- Voítheia, voítheia!!! -ecoaban entre o estrondo e os salsieiros.
A parella da Garda Civil chegou aos aledaños do naufraxio no inconfundible Renault 4. Sen tricornio, pois non era momento de protocolos, puxéronse ás ordes da singular mariñeiría que vestía de curto. Camisetas verdes e azuis trenzaron una cadea humana para lanzar boureis e cordada ao buque. Mulleres coa rapacería facían de testemuñas da cooperación daqueles futbolistas minutos antes inimigos por salvar as vidas que demandaban socorro.
Todos vimos como gabeaban por unha boza dous xogadores de ambos bandos. Desde a distancia non se discernía a súa identidade. Os presentes, das proximidades e foráneos, estouparon en vítores como se dun gol de final de Copa se tratara cando o presidente do club local, con prismáticos, confirmou…
- Son Cobiñas e Manín. Agancharon á bordo! -expresou con indisimulada ledicia.
Un coche chegou a todo meter dando un frenazo a rentes do cantil. Do auto amarelo baixaron media ducia de persoas, entre elas, un moreno de perfilado bigote. O colexiado San José, solidario, optou por decirlle a súa tropa que conduciran cara ao lugar do embarrancamento.
-¿Cabe lamentar víctimas mortales?-preguntou o árbitro agora xa de paisano e perfectamente peiteado.
Como falaba o condenado! Ninguén foi quen de lle contestar por se malentendía a resposta e a cousa remataba nas mans vista a súa compaña. Mentres, lográrase argallar unha tirolina para ir descendendo do mercante a cada un dos tripulantes. Escorrían a choutos, como por un pasamáns inzado de atrancos. Acadados os baixos, fixeron tremelicantes a pé o treito a terra firme onde lles achegabamos mantas con verbas de alento. Os tres capitáns eran os últimos en abandonar a cuberta baldeada polas inmensas ondas. O grego, Manín e Cobiñas, fixeron unha piña humana e esbararon corda abaixo. O vento abaneou neles como roupa no tendedeiro. O Atlántico púxoos pingando.
Tras uns tensos minutos, así que puxeron as botas de cravos de aluminio sobre da relva, o xentío rachou a aplaudir.
- Vivan os nosos!!- escoitouse berrar con moita foliada.
Ata San José e a tropa de xitanos celebraron con palmas, tan súas, a machada. O mar infundíalles moito respecto. As primeiras palabras do helénico a salvo foron para dar as grazas nun básico español e convidar a se facer coa mercadoría que ateigaba a bodega.
- Sugar. Asúcar. Mucho. ¡Gracias, gracias! -repetía francamente agradecido.
Deste xeito foi como os días inmediatamente posteriores a aquel domingo 5 de marzo de 1972, as casas da redonda abasteceron as despensas con azucre para meses. Iso, e algún obxecto de navegación que case despezan no sitio o barco, dando certa pátina de veracidade á tradición rapiñenta desta xente e terra. E se hoxendía alguén pregunta cando aconteceu o naufraxio do Pride of Morea, os da Costa da Morte lémbrano ben. Foi cando Manín e Cobiñas foron por única vez no mesmo equipo.
Héctor Pose Porto, fragmento do prólogo a O fútbol na ría de Muros e Noia 1968-1971, 2019






22/8/19

A Marosa drive-in


Cando pecho os ollos e rescato os meus recordos futbolísticos da infancia trasládome inmediatamente á parte de atrás dun Citroën BX verde oliva (sempre tiveches bo gusto, papá). Pola radio soa Galicia en goles; aínda hoxe, despois de dúas ou tres cervexas, son capaz de recitar á carreira case toda a introdución mítica narrada por Carlos Blanco, aquilo de “vístase connosco de curto e tome partido pola radio pública de Galicia”. Non sei por que a deixaron de emitir; para min Pepe Domingo Castaño e toda esa caste de animadores rexoubeiros que tanto abundan na programación dominical non lle chegan á altura dos zapatos a Blanco, aquel tipo que me deixaba flipado dicindo que fulano, dianteiro do Xove Lago, levaba xa dez goles esta temporada. Como demo o sabía? A quen (aparte de a min) podía importarlle o que pasara nun campo de Rexional?
Calabagueiros, As Gaiandas, García Hermanos, A Lomba, A Baiuca. As voces dos narradores de Galicia en goles compoñían para min unha xeografía exótica todos os domingos pola tarde, á ida e á volta da casa de meus avós. Porque si, nenos e nenas, antes os partidos xogábanse os domingos pola tarde, e non todos os días e a todas as horas, coma agora. E que dicir dos nomes espectacularmente afoutos que tiñan aqueles equipos: o Choco, o Obrero, o Fabril, o Endesa, a Sarriana, o Céltiga, o Arenteiro. Para min os locutores da Radio Galega eran coma correspondentes en zona de guerra, só que en lugar de contar tiroteos falaban, empregando un idioma un pouco raro, de “golpes na faciana”, “remates de testa”, “saques de curruncho”, partidos que “principiaban”, encontros “cativeiros”.
Así que poden imaxinar a emoción coa que a vivín o primeiro partido radiado desde a grada da Marosa, o campo no que cada quince días o meu pai e máis servidor papábamos frío, armados de abrigo e pipas Facundo. O primeiro que eu lembro, polo menos. Creo recordar que se trataba dunha fase de ascenso que xogaba o Burela, probablemente de Preferente a Terceira, e que o xornalista estaba sentado na parte de arriba da única grada que daquela tiña o estadio. Non me pidan precisión, eu estaba pendente do que podía parecerlle a aquel home a afección local. Que pensaría cando aquel paisano berrase, coma cada domingo, aquilo de “árbitro, mal comedor”? Que opinaría do arrebatador “vamos muchachos” co que animaba ao equipo Rosamari, arrincando os aplausos da tribuna? E do vento do nordés, que facía que unha falta lanzada desde o medio do campo contra a portería de abaixo se convertese nun mísil imparable?
Descoñezo se o narrador chegou a facer algún comentario sobre todas esas cousas. Pero si que sei que houbo algo que lle chamou a atención: que na Marosa os socios podían pasar co coche ata dentro do recinto e aparcar ao pé do campo, co parabrisas apuntando ao xogo, algo moi útil para poder ver o partido nas duras tardes de inverno cantábrico. “Isto parece un cine americano!”, dixo o tipo.

Martiño Suárez

4/8/19

Zapatos de charón


Medrei no campo de fútbol Misael Prieto do C.F. Meirás, do que o meu pai era tesoureiro. Gabeei polos andamios de tribuna, bañeime nos aspersores do campo, manchei os pés co cal das bandas e xoguei co marcador durante anos. Tamén vin xogar ao fútbol. E moito. As Campeiras consumiron os alentos e non só dos xogadores senón tamén dos directivos e das familias que, con sol ou con dioivo, se aferraban ás varandas para animar ao equipo. Encantábame xogar na herba. 
-¡Rosita! non te metas no campo cos zapatos de charón –berrou o meu pai aquel domingo.
Fiquei ben amolada. Entón, Ramón Orjales besbelloume algo na orella e, meu dito meu feito. Quitei os zapatos, zorregueillos á banda e seguín correndo pola herba coas miñas medias brancas de canalé atrás dos xogadores.
Ás veces, cando miro un partido dende a retagarda da casa ou do estadio e me desepero pola falta de efectividade dos xogadores á hora de alcanzar a portería contraria, gustaríame volver a ser a nena que zorregou os zapatos de charón á banda e correr descalza polo campo e pegar un bo trallazo e derrubar ao porteiro e sentir como golpea o balón na rede e que alguén, dende algures, berre aquilo tan máxico e irracional de ¡goooooooool!


Rosa Aneiros, Ao pé do abismo, Xerais, 2007



31/7/19

Bando real previo á final da liga das Sete Parroquias


A multitude impacientábase. Un berro de "Queremos ver xogar" ergueuse solitario, e axiña se converteu en consigna coreada por todos, ó compás da cal desfilaron os dous equipos cara ó centro do campo. Unha ringleira de vintedúas pernas, moi peludas por baixo dos calzóns de perneira curta, formou ó norte da liña do medio, e outra ringleira doutras tantas pernas lampiñas púxose moi aguerrrida na banda contraria. No medio das dúas renques agardaba o rei coa pelota na man. O árbitro chegou cando xa todos estaban colocados, rengueleando coa súa perna de pau e co chifre na boca. Os acordes do himno da Confederación, interpretado pola banda de gaiteiros das Sete Parroquias, fixeron calar os berros da xente. As aguzadas orellas quedaron moi tesas e inmóbiles, pero ninguén considerou oportuno manifestar o seu patriotismo doutra maneira e quen estaba sentado seguiuno estando, e quen estaba estomballado non se dignou poñerse dereito.
Un redobre de tambor marcou o final do himno e a entrada do pregoeiro, que cos seus poderosos pulmóns deu clara lectura ó bando real:
- De parte do rei faise saber: Por décima vez asistimos á grande final desta liga das Sete Parroquias retiradas do mundo. Como anos pasados, quedaron vencidas as cinco parroquias que teñen equipos de machos e femias en varias mesturas. É grande misterio que cheguen á fin sempre estes equipos que aquí están no campo dispostos á loita, un deles composto de femias tan só, e un outro formado por machos namais. Nas nove finais que xa levan xogadas galaron as femias e os machos perderon. Non sei se este ano será o mesmo conto, pero este partido ten grande interese. Que o público garde cortés compostura, e que o árbitro saia sen dano do campo. Prohíbese a entrada no espacio de xogo. Non ouse ninguén tirar pau ou pedra so pena de catro xostradas. Permítese o insulto, xa que é costume. E agora escoitade quén forma os equipos.
"Por Cuspedriños de Baixo, Basilisa de porteira; na defensa Gumersinda, Rudesinda e Hermenilda, que tamén é capitana; mediocampistas voantes, Florismunda e Sexismunda; e no ataque xogarán Rigoberta , Filiberta, Dagoberta e Aldaberta, e Eufrosina, que non rima, por lesión de Melicerta.
"Por Cuspedriños de Riba, Fortunato de porteiro, capitán do seu equipo; na defensa, Secundino, Severino, e Cupernino; polo medio formarán Malaquías e Ananías, e no ataque Robustiano, Salustiano, Quintiliano, Diocleciano e Simpliciano. Por se acaso hai accidentes será médico Esculapio; serán xuíces de liña Recesvinto e Chindasvinta, e pra arbitrar o partido, ¿quen mellor ca Xustiniano?
Calou o pregoeiro entre urros aprobatorios do público, que lle estimou moito a métrica habilidosa do bando, e Basilia e Fortunato marcharron correndo para as súas porterías. O rei pousou pelota no centro do campo, cuspiu nas mans e fregounas como preparándose para un gran esforzo. O árbitro deu un chifrido, e Asclepiodoto pegoulle unha patadiñ ó balón para poñelo en xogo.
O follón empezou [...].


Darío X. Cabana, fragmento de Fortunato de Trasmundi, Xerais, 1990


12/7/19

O Taboada CF e o Comando Vilameñe


Vaia por diante que me resulta extremadamente difícil (supoño que como a todo o mundo) falar de alguén que xa non está entre nós, ainda que a súa obra perdurará por tempo e tempo.


Sóese dicir que nun equipo de fútbol cada xogador é un máis. Eu, polo menos, así o creo. Independentemente de que uns xoguen máis minutos que outros, ou que un meta máis goles, ou que outro sexa o capitán... todos somos iguais, todos contribuimos co noso esforzo e co noso tempo. Podería dicirse que todos somos necesarios pero ninguén é imprescindible. E máis no noso clube, o Taboada CF, que máis que clube é unha familia. Aquí, aos nenos que chegan de xuvenís recíbeselles cos brazos abertos, e intégranse, e están felices de contos ata altas horas da madrugada cos que xa peinamos algunha cana. Aquí non hai diferencias, todos somos iguais e todos nos levamos ben, pensando sempre no ben común. Todos nos esforzamos o que podemos dentro das nosas posibilidades, co fin de que o equipo e o clube medren e vaian cara arriba. Aquí, no Taboada CF, disfrutamos da pelota e de todo o que ela trae aparellado…o compañerismo, as ceas, as cervexas de despois de adestrar, as tertulias, as victorias, as derrotas, os golazos, os paradóns, as xogadas de Play Station que nunca sairán na tele porque non hai tele, a amizade cos equipos veciños, o arrecendo a herba recén segada, os partidos na lama….disfrutamos do noso, das nosas pequenas cousas, cousas que quizais alguén que nunca xogase no “fútbol das aldeas” non poderá entender.


Moitas veces me levo preguntado porqué en Taboada temos o que temos, cando vemos, vrau tras vrau, que equipos de pobos semellantes ao noso sufren sete ou oito baixas, e fichan a nove ou dez que pouco ou nada teñen que ver co pobo dese equipo….Sempre me fixo gracia comprobar como en (case) tódolos clubes da nosa contorna, o “mercado de fichaxes” sempre trae movementos. En Taboada, nunca. Aquí somos os que somos e estamos os que estamos. E a moita honra. Se vén alguén novo soe ser ou ben porque chega desde xuvenís ou ben porque é amigo de algún dos xogadores e o convencemos. Esa é a nosa realidade, o noso mérito. 

E despois de darlle moitas voltas, creo que cheguei á conclusión de porqué nós somos así. A finais de marzo foisenos Xosé Anxo Varela Rodríguez, alias Canti. Un pau duro, durísimo, para todos. Para os veteranos que levabamos con el mil e unha batallas, e tamén para os rapaces, que vían nel a un home bon que traballaba arreo para que nós puideramos facer o que máis nos gusta. 

Pois ben, nós somos así porque el non era un máis. Xa sei que antes dixen que nun equipo todos somos iguais. Excepto el, excepto Canti. Canti era un líder silencioso, un optimista convencido, un enfermo do balompé e do seu Taboadiña, como el lle chamaba, era o noso alma máter, o noso faro. El era o que nos guiaba, o que facía unha cantidade de traballo inxente, o que nunca deixou unha crónica por publicar, o que sempre sacaba fotos e o que chegou a ter un blog que era envexa de todo o fútbol afeccionado; el era o que tramitaba as fichas, o que facía os partes de lesións, o que coidaba de todos nós, o que nos animaba cando as cousas non ían ben, o que nos freaba cando no vestiario había exceso de euforia, o que co seu relato do ascenso de Noia nos poñía (e ainda nos pon a día de hoxe) os pelos coma escarpias, o que ría cando había que rir, o  que choraba cando tocaba chorar, o que organizaba os rellenos de Nadal, o que vivía coma ninguén as cores branquiazuis, o que sentía o Carballo de Ramos tendo conta das raias do noso escudo. Foi a única persoa que foi, á vez, colega para juergas, amigo para confidencias e pai para consellos. Case nada. Cando dimitiu toda a directiva e o adestrador, el foi o único que continuou, sen poñer unha pega, sen unha crítica, sen unha mala palabra. A el queríalle ben todo o mundo, non só aquí que por susposto, senón ao longo e ancho de toda a provincia, onde só deixou amigos e nunca rivais. Ese é o seu legado. 

Pois ben, nós somos así porque tivemos a inmensa sorte e a inmensa fortuna de poder disfrutar del e do seu traballo durante moitos e moitos anos. E, de velo a el, sempre se pega algo. El era o exemplo de amor a un clube e a unhas cores, de traballo desinteresado, de paixón infinita por un clube, de dalo todo a cambio de nada máis alá da gratitude eterna de todos cantos levamos formado parte do Taboada CF ao longo de tantos anos. Todos asumimos que a súa marcha é unha perda irreparable, el é insustituible, pero se algo temos claro os xogadores, afeccionados e directiva é que as cousas se van a seguir facendo do mesmo xeito que el pregoaba (humildade, cercanía, ambición) e coa mesma ilusión que el lle poñía, é dicir, toda a do mundo. 

Só nos queda continuar coa súa obra, co seu legado. O Taboada CF perdeu ao mellor de tódolos seus fillos, pero os que quedamos imos deixarnos a pel para que a obra, a bonhomía e o recordo de Canti pervivan durante moito tempo. E así será, porque nos fixemos a nós mesmos esa promesa e ímola cumprir. É difícil asumir que xa non está, pero nós sabemos que desde onde esté ha de mirar por nós, e nós tamén sabemos que temos un motivo máis para poñer no campo moito máis brío se cabe. Mirade se era exemplo para todos nós, que hai unha frase feita que vén moito ao caso e que o resume moi ben; é aquela que di “morrer coas botas postas”. Pois Canti morreu coas botas postas, ata o último momento estivo ao pé do cañón. Hoxe, cando falamos e sae o seu nome, ainda se produce un silencio, un momento de recordo, de nostalxia, de alegría por telo coñecido e compartido tanto con el…e despois desto sempre hai alguén que di “acordádesvos daquel día…”…son tantos recordos e tantas vivencias en común, de todo un grupo, que sempre terá un oco na nosa memoria. Ademais, merecidamente, porque outra das súas grandes virtudes era o escribir, e relatou os nosos logros, triunfos, goles e éxitos con palabras emotivas e cheas de cariño e devoción.

Post-data: a nivel persoal, uníanme moitas cousas a Canti, pero se cadra a que máis era a nosa maneira de ver o mundo e as cousas que nel suceden, tamén eramos moito de soñar despertos con logros imposibles do noso  Taboada. Recordarei polos restos unha anécdota con el, que paso a relatar: partido importantísimo do Taboada na tempada do ascenso a Preferente, gañabamos 1-0 e no desconto fixen unha parada moi boa na portería que está pegada ao campo de entreno, e Canti estaba xusto detrás desa portería sacando fotos, e díxome “Mi má Roi, esa pelota sacouna a Virxe de Lourdes (patroa da parroquia de Vilameñe, de onde ambos eramos nativos)”. Eu rinme e díxenlle “Que va oh, esa pelota sacouna o Comando Vilameñe”, el puxo cara rara e preguntou “¿E que comando é ese?”, e eu respondinlle “Carallo, o que formamos ti máis eu, ou non ves que estabamos os dous na portería”. Desde ese día, o Comando Vilameñe foi sempre algo moi recurrido nas nosas conversas   :-)

Roi Rigueira


30/6/19

Amor rival

Loles era a gardameta titular do Guerreiras FC. Viana era a centrodianteira do Tolasport. Esa tarde enfrontáranse sobre o céspede do Estadio da Igualdade na súa vila, a vila dos seus clubs. Loles non foi quen de aturar o penalti que tirou Viana para colocar o primeiro e definitivo gol no casilleiro do Tolasport. Agora, dúas horas despois do partido, aínda co eco dos seareiros nos seus oídos, Loles olla tenramente a Viana e, despois de darlle un mordisquiño xoguetón no lóbulo da orella, murmúralle:
-A miña resposta é si, pero como me volvas meter outro como o desta tarde, xa sabes onde dormes - e sinaloulle o balcón cunha man, mentres coa outra alzaba o anel arrimándoo aos ollos para ver se o brillante estaba á altura da situación-.
-Mira, carallo, mira!! Semellas unha toupiña. O que tes que facer e ler mellor os meus movementos, para saber sempre por onde vou tirar -díxolle Viana mentres lle chiscaba un ollo- .
Riron as dúas.
Suso Coucheiro

12/6/19

Gastroenterite mental


   Ata polos currunchos do teito revoaba a tensión nerviosa. Alí, onde tecen as arañas, tecían naquel abrocho de noite arroutos de prepotencia. Ata onde medraría a goleada? José Ángel de la Casa dicía nos preámbulos que os xogadores de Malchiprestein eran panadeiros, carpinteiros ou condutores de autobús que dedicaban parte do seu lecer a xogar ao fútbol. Míchel, coma sentenzas, entre comentarios que recendían a desconsideración e a xenofobia, espallaba leccións maxistrais ou receitas infalibles para a vitoria. Ía ser unha gran noite. Por iso el chamara ó hospital e mentira, pagaba a pena. Dixera que andaba indisposto e que non podía facer a noite.
   No bandullo do forno a pel da pizza ía dourándose a lume lento para ser devorada no descanso. As patacas fritidas irían abrindo boca. El, madridista rancio que só usaba roupa interior branca, rebordaba preocupación por ver se xogaba Raúl, quen andaba algo minguado. Respirou tranquilo cando o viu aparecer á fronte das nosas hostes co brazalete de capitán cinguido ó brazo. Era o seu ídolo. Por el pelexaría a morte con quen fose. Como fixera aquela tardiña, estando na mili, por defender, precisamente a Míchel, o día que a este lle dera por acariñarlle o paquete ao colombiano Valderrama. Aquel roxo ousado de orixe arxentina chamáralle boludo ao noso oito. Boa a fixera. Semellante aldraxe non lla podía aturar, porque el sabía ben que se Míchel facía aquilo... por algo o faría. Non, non lla ía consentir; e menos sentíndose arroupado, como se sentía, pola forza moral que o feixe de cubatas de garrafón que levaba bebidos na cantina do cuartel aquela tarde lle outorgaban. Confiaba en Míchel a cegas e dicía del que era unha gran persoa, aínda que nunca unha palabra con tal persoa trabara. Daba o mesmo, era do Madrí. E isto supuña aval dabondo para arriscar o pelello por el. Ou o óso do nariz, que fora, en definitiva, quen as pagara aquel día de recordo inesquecible. O oriúndo non era manco. O seu actual nariz esmagado daba fe. E, o que son as cousas: un Míchel que noutrora non fora trigo limpo, agora ciscaba ensinanzas de balde na televisión a favor do Fair Play...
   Empezou o partido, á fin. Segundo Míchel, estábanlles deixando que se confiasen. Para logo, mallalos ben mallados. Pero, co decorrer dos minutos, a ilusión ía mudando en decepción. As posibilidades de goleada devecían perigosamente porque o xogo dos nosos esfarelábase diante da vontade, da orde e da dignidade dos afeccionados rivais. A pizza do descanso sentoulle mal e, mesturada coa cervexa que ía engulindo, provocoulle a activación da úlcera duodenal, que lle era fiel dende vello. A noite presaxiaba treboada. E esta desatouse cando, no minuto setenta e sete, marcaron os ninguén...
   Consumouse, finalmente, a desfeita. Desta volta, nin o árbitro podía responsabilizarse da catástrofe; non tivera arte nin parte. A borracheira de cervexa que o anegaba non lle acalaba a mala conciencia nin lle aliviaba as queimuras que lle subían pola cheminea dixestiva. Coma se dun meigallo se tratase, a gastroenterite que finxira para faltar ó traballo, obrou na realidade. Mentres se erguía con urxencia e con dificultade, escoitou as lamentacións de Miguel Ángel de la Casa:
   -Cuesta creerlo, Míchel, pero... es cierto, nos ganaron...
  -Que se fodan, a fútbol ganaron... pero cartos ganamos máis nós! – farfallou.
  O alcol toldáralle o escaso entendemento do que era dono. Pensou que el, que de novo nin sequera fora capaz de xogar no equipo do seu barrio, tamén era xogador internacional; a gastroenterite mental impedíalle lembrar que el non era máis ca un mal celador de hospital.
Toño Núñez


29/5/19

Volver aos dezasete


Díxomo no vestiario ao rematar a clase de Educación Física:
Gustaríache ir ver ao Depor o sábado? Teño unha entrada que gañei cos cerais, mercamos a outra entre as dúas, así non será tan caro.

A min no me vai o fútbol.

Nin a min, pero isto é un acontecemento único, A Coruña estará a tope de xente e logo sairemos por alí. Veña, anímate, anda!

Bueno, va. Voulle preguntar ao meu pai a ver se me deixa.

Xa empezou a ferver o maxín e non puiden concentrarme na clase de Historia, total, para o que había que oír… no libro de texto viña todo, así que xa o lería pola tarde.

O meu pai fixo unha morea de preguntas que foron respondidas con outra morea de mentiras: quedaríamos a durmir na ficticia casa da ficticia tía de Carlota. Daquela non existían os móbiles, así que quedei en chamalo dende unha cabina en canto chegara e con iso quedou contento.

Nas filas de coller as entradas, algúns seareiros esperaban sentados no céspede e outros brincaban ao ritmo dos cánticos. Aquel ambiente acendía o espírito futbolístico ata nos máis indiferentes, “vivir na Coruña que bonito é”, berraba eu mentres a miña amiga me pintabame signo igual cunha liña branca e outra azul en cada meixela.

Facía un bo anaco que comenzara o partido cando a xente da cola se disolveu debido a que as entradas se esgotaran. Carlota miroume dubidosa collendo unha caixa de mistos e o tabaco. Non sei como se amañaba sempre para facerse a orixinal mesmo nos detalles máis insignificantes.

Podemos vender a nosa entrada na revenda e imos ver o partido a un bar, así teremos máis cartos para saír á noite,- suxiriu despois de botar unha longa bocanada de fume. Os límites da legalidade poden ser imprecisos e para dúas nenas de instituto máis.

Fomos achegándonos mainamente cara a aquel curruncho ilícito. Cando me decatei de que parecíamos dúas pescadas en medio de vinte marraxos, Carlota xa estaba a falar con dous rapaces cuxos rostros revelaban un desnortamento se cadra maior co noso. Ao parecer eran fisterráns e só necesitaban unha entrada. De súpeto apareceu un dos tiburóns entrometéndose:

A eses asentos chámanlles os dos exipcios - espetou xirando o pescozo todo o que lle daba para escenificar o que estaba a dicir.

Que pasa, non tes mar dabondo hoxe? Vai pescar a outra parte! - berroulle Carlota sen deixarse amedrentar e a continuación enganchou aos paisanos cada un por un brazo con total confianza -. Unha vez que entredes no estadio podedes movervos como queirades- díxoles mentres os acompañaba cara a entrada do estadio.

Xa non escoitei máis, só puiden observar como o rapaz máis alto sacaba dous billetes da carteira co debuxo da cara de Juan Carlos. Eu ficaba abraiada cando sentín un estrondo de xúbilo, era o gol do Sevilla que xogaba no Camp Nou a mil kilómetros de distancia. Os galegos ese día tiñan a súa atención desdobrada como unha serpe de dúas cabezas, por mor das matemáticas do fútbol.

Así pois, non puidemos vivir en Riazor os segundos máis tensos e emocionantes da súa historia, cando se pitou o penalti no derradeiro minuto de partido e o gardameta adiviñou a traxectoria do balón, máis si puidemos axudar a Geluca, a dona do bar que se inundou coas bágoas derramadas pola masa blanquiazul. Alí estivemos achicando a auga con caldeiros para que non se lle estragase o mobiliario. Tíñamos dezasete anos, dez mil pesetas no peto e toda a noite por diante.


Sandra Pareja

10/5/19

A Marchita

Toda completa, Beto, xúrocho. A Bombonera chea, todo o mundo cantando. Mira que foi fodido entrar ao estadio, che. Miles de tipos empuxando, ondas deles, os cheiros da xente, os apertóns. A cousa non estaba como para ir ao fútbol, pero as paixóns poden máis que as razóns. Nin guita para a entrada tiña; empeñei «a viola». Igual non ía ser nunca quen de tocar nin o arroz con leite...
En casa tamén non había motivos de festa. Un tempo longo xa sen saber nada do Beto. Os milicos din que non o teñen; quen lles cre…!; oxalá puidese liscar ao Brasil, adoitaba pensalo. A vella non come nin dorme, lóxico. «Ao estadio vas ir, co do teu irmán?», berroume dende a porta, saíndo eu case coma un delincuente. Síntoo, vella, síntoo, Beto. É Boca. A final da Liberadores contra o Cali; se non fose, tamén sería un traidor…
«Para, non empurres; todo ben; se igual imos entrar todos». Si, só que tarde, está todo o mundo dentro, até os milicos. Vou tan comprimido que non escoito, quedamos freeze; están a cantar o himno. «Que están os milicos e os reis de España, iso dicíache antes». As ondas, a xente querendo entrar, A Bombonera chea. Fin do himno. Chegamos xusto para ver algo moiiii louco: todo quisque parado cantando a Marcha Peronista. Coma tolos, aos berros. E Videla, e os «galegos» en pé, como boludos.
Oxalá esteas en Brasil, Beto, hoxe xa me importa un pito se gaña ou perde Boca.


Luz Darriba

2/5/19

Nunha tasca de Escairón


A taberna, pese ós descoidos na limpeza, tiña un ambiente agradábel que se apreciaba ó entrar. Sentiuse ben dentro. Non sabería dicir se pola cálida temperatura, se pola atinada combinación de pedra e madeira, se pola variedade de clientes que alí dentro se atopaban... Nas mesas, cepos enormes arredor da lareira, animadamente, xogaban ó tute uns cantos. Outros, preto do mostrador, discutían de fútbol con paixón, ollando para a foto ampliada dun descoñecido equipo celeste que presidía o local.
¡Aquela era unha defensa e non os mocás que hai agora! ¡Quen viña á Lama, ou perdía ou saía escalazado!
¡Ou bullábaselle a pel ó árbitro –censurou un crítico–, que de todo había!
¡Non inventes, anda, que iso poucas veces fixo falta!
Luís pensou que sería o representativo da vila, pero tampouco lle interesou.
Na televisión, instalada na parte alta dun recanto, atronaba a banda sonora dunha de tantas películas americanas de acción levada ó límite e entretiña a catro compadres aparcados xusto debaixo. Coa boca aberta e sen sequera pestanexar, algunha rapazola sen cousa mellor que facer atendíaa tamén desde máis lonxe. Na esquina do mostrador discutíase dunha política de andar pola casa coma quen remexe outra vez o mesmo café. Dunha pequena estancia separada chegaba, moi atenuado, o toupeneo das bólas do futbolín e o rebumbio de risas e berros dos contendentes alporizados por calquera xogada ventureira.
Luís camiñou ata a barra e un morado taberneiro, miúdo, co pelo pincho, que non pasaría dos trinta, achegouse do outro lado.
Un viño –pediu Luís–. País. Pero non me poñas un calquera.

Xabier Quiroga, fragmento de Atuado na braña, Xerais, 2012.




22/4/19

Os exames e o fútbol

Nunca o entenderei. Sí, o feito de que un cativo, ou non tan cativo, falte a adestrar porque ao día seguinte ten un exame. Seméllame unha falta de respecto, de COMPROMISO. Tanto se o vexo coma docente, compañeiro ou adestrador. Non hai por donde collelo. É unha das excusas máis pobres e incomprensibles que moitos temos escoitado. Que che xeran unha sensación de rabia e impotencia. De que estragan o teu traballo, de non darlle importancia ao que fas. 


No momento en que un xogador decide formar parte dun clube, dun equipo, adquire un compromiso. Con todos os estamentos do mesmo. E consigo mesmo tamén. O compromiso de facer todo o posible para sacar un proxecto COMÚN adiante. Aí reside o éxito persoal e grupal.


Como xa dixen moitas veces, o fútbol é unha prolongación da vida. Unha metáfora artística da nosa existencia. Na que os distintos valores, que nos inculcaron e inculcamos aos demais, están permanentemente en exposición. Dende o compañeirismo ata a superación persoal, pasando pola xenerosidade ou a cultura do esforzo. 

Esa mesma cultura que se anula cando o cativo non acude ao adestramento porque ten exame ao día seguinte. Ou a exposición dun traballo en grupo ou leites en vinagre. Qué pasa que agora os exames se preparan só nun día? No día anterior? Ou son o froito do esforzo de semanas e un pequeno sacrificio diario? Esa é a mentalidade que queremos transmitir? A do estrés final e o mínimo esforzo?

Eu coma formador de base teño as ideas moi claras. Levo anos en excedencia deste mundiño (moi pronto volverei), o cal me permitiu ver moitos erros en perspectiva. Porén neste en concreto non caín. As prioridades están moi claras. Prefiro perder un partido deixando ao mellor xogador na casa que deixarlle marcar cinco goles ao colista sen vir adestrar poñendo excusas barateiras. Non vou reforzar malos vicios. Quero formar futbolistas, non acomodalos. 

Quizais esté tolo, non o discuto. Pero cando deixo a ese xogador na súa casa, mando unha mensaxe ao rapaz e ao equipo. A de que o fútbol non é o resultado, non é un partido. É un traballo, unha mellora e preparación semanal. Non chega con facer o paripé e pasearse no adestramento do venres. Estou seguro de que ese pequeno e eses pais se cagarán en miña nai esa semana. Co tempo, igual mo agradecen. Igual non. Iso sí, a conciencia tranquila. Estou sendo xusto co grupo. E esa é a única forma de que este crezca. De que os que de verdade queren medrar nisto da pelotiña, o fagan. 

Cando un rapaz falta á sesión co seu equipo (sen unha razón de peso), estase facendo dano a el mesmo máis que aos demais. Está destrozando un pouco máis o seu soño de poder chegar a profesional, ou a unha categoría máis alta. Xa que, sen esforzo non irá a ningún lado. As categorías rexionais están cheas de talentos incomprendidos. Cemiterios de ‘xugóns’ que se mesturan e xuntan con deportistas ‘toscos’ e limitados. Que se puxeron ao mesmo nivel por TRABALLO e GANAS. De xente que cunha pizca de sorte máis, ou de compromiso e SACRIFICIO, estaría máis arriba. A sorte non se pode controlar, o resto da ecuación sí. Fagámolo.

Todos coñecemos varios casos. Moitas promesas que se quedaron polo camiño. E seguro que moitas delas non foron adestrar por ter exame ao día seguinte. É a primeira excusa que aprenden para borrarse. Para apostar pola lei do mínimo esforzo. Esa que nin no fútbol, nin na vida, serve. Así que se algún pequeno falta adestrar por un exame, que sexa de conciencia.

Diego Díaz. Amigo de Canti e integrante de Futbolinlugo

26/3/19

Fatalidade


Eu teimaba en ir ao campo da Medela esa tarde. Xogábase un partido de rivalidade, e aínda por riba, o noso equipo estaba a piques de ascender. Non se podía deixar pasar esa xornada cunha derrota ou cun empate: eran puntos decisivos.
Os adestramentos desa semana foran especialmente duros. O adestrador puxérase teixo e non houbera quen lle tusira: chovendo de cifra, chupáramos algo máis de dúas horas fozando na lameira aquela do que lle chamábamos o campo pequeno, para diferencialo do campo grande, de herba, que había que reservalo para os encontros da liga. Esta vez máis que nunca, o terreo de xogo debía estar no mellor estado posible para o domingo.
Malia todo, pouco máis fixéramos que rebentar as pernas. Mover o balón polo chan era impracticable: había que ilo empurrando como se fose unha extensión dos propios pés. O caso é que alí turramos case ás escuras ata que o bo do home se deu por satisfeito.
A última parte da sesión, o habitual partidiño entre nós, ficou axiña nunha sorte de xogo aéreo cruzado que non era do gusto de ninguén en vésperas dun partido tan importante cun rival que tiña por costume entrar sempre cos pés por diante.

Eu teimaba, pois, en chegar a tempo para o comezo do enfrontamento, para o saque dende o centro do campo: eu sempre era quen de gañalo para o meu equipo. Ese ía ser a primeira das xogadas que nos levarían á desexada vitoria. Por iso, non entendía porque demo me estaba a custar tanto erguerme. Xa case me afixera a aquel zunido ao bestia que tiña dende o último adestramento, cando me batera na testa coma un lóstrego de lume o punteirolo de alguén que me vira en boa posición de remate. Dende aquela, a cabeza íaseme, ía por libre, pesábame coma se sostivese todo o peso do mundo... non daba termado dela.

Eu teimaba en ir, teimaba en ir... pero o camiño cara á Medela viráraseme para sempre esa tarde.

Alicia Devesa

23/3/19

1-0


"Saíde de ahí que non parades de facer ruido! Veña ti, move o cu, maricón!"
Corrían a máis non dar. Aparentemente as pachangas da praciña non estaban permitidas máis que para quen estaba coa súa familia. Xa lle dixeran seus pais a Hakim que a cor da pel molestaba un pouco a algunhas persoas. En só tres meses tiña un bo montón de amizades, pero nin adultos nin veciñanza parecían gostar da súa camiseta rillada do St.Pauli.
"Ola! Son Hakim, teño once anos", dixera o día que chegara a ese barrio. Había moita rapazada por alí e acollérono nos grupos xa feitos coma se a cor non importase. "Neste barrio vivimos xente de moitas cores", explicara Oswaldo. E agora corrían xuntos agarrando o balón entre as mans para evitar que a ameaza de chamar á policía os metera en problemas.
Hakim pasa os días como pode. Fala con ese acento moro que lle di Oswaldo co seu amplo sorriso venezolano. Escachan a rir cando Hakim gaba o seu deixe sudaca... Siguen a xogar aos penaltis entre risas cómplices e clichés racistas. Ao final, todxs nos afacemos, sobretodo cando eses clichés non son chistes, senón insultos de quen non ve tan ben que un barrio coma ese, obreiro sempre, roto pola migración e logo pola droga, volva encherse de sorrisos que non teñen a mesma cor.
"Move o cu, maricón!", decía o vello de sempre. Como desde unha atalaia. Non sabía o vello que Hakim e Oswaldo corrían sen ter xogado ningunha pachanga. Sorrían sen ter tirado para marcar nunha meta imaxinaria. Bulían felices de ter topado o seu sitio. 3 meses, 11 anos e o seu primeiro bico. 1-0.

Nelson R. Avilez

21/3/19

Eramos novos


Naquel tempo eramos novos e faciamos moitas cousas dun xeito que hoxe veriamos como idealista ou romántico. Unha desas cousas era o fútbol, do cal eramos seguidores pero para nada profesionais, tan só un grupo de amigos que se xuntaban os sábados pola tarde para facer xuntos cousas. Andabamos á beira da maioría de idade, algún empezaba a andar co coche que lle emprestaban os seus pais e axudaba para transportarnos a un campo de fútbol medio abandonado noutra parroquia, porque xa daquela escaseaban os nenos, e ao cal iamos coa mesma ilusión que teriamos ido a onde se xogaba a final do Mundial. Aqueles transportes terían feito as delicias dos axentes da Garda Civil de Tráfico, xa foi fai tanto que non hai problema en confesalo, e as nosas condutas no terreo de xogo eran ás veces máis individualistas que solidarias, por exemplo, discutir no inicio e no descanso por ver quen ocupaba unha banda determinada. Non tiñamos exceso de zurdos ou destros, simplemente que, por unha banda, o campo estaba ben, e pola outra había toxos que eran máis altos ca nós, co cal correr a banda era todo un deporte de aventura extrema.
E así foron pasando tardes e tardes de sábado e o tempo foinos levando pola vida a lugares que fixeron imposible seguir contando con tanta xente como facía falta para xogar uns partidos merecedores de tal nome. O noso espírito inquedo e emprendedor levounos a outras pistas, como eran as de tenis e baloncesto, e tamén a outras máis bravas como eran as vías de servizo que quedaban a carón da autoestrada nas que era fácil atoparse cunha vaca ou un tractor saíndo dunha leira no medio dunha pista pola que baixabamos con evidente inconsciencia e desprezo pola nosa saúde. Aínda eramos novos e sentiamos a inmortalidade nas nosas veas.
Un daqueles días, no verán, pasabamos a carón do campo de fútbol dunha aldea que nos collía nun daquelas improvisadas rutas ciclistas e, como xa levabamos quilómetros abondo para que as nosas pernas nos pedisen tregua, decidimos parar un anaquiño e tomar folgos mentres asistiamos ao espectáculo que nos chamou a atención, un partido entre nenos duns nove ou dez anos.
O campo estaba a carón da estrada, no fondo dun terraplén, co cal sentarse na cuneta e sentirse como na tribuna dun estadio foi todo un, completando a nosa relaxación coa sombra duns carballos que tan ben nos prestaba coa calor que facía. Os nenos xogaban poñendo gañas e un dos equipos víase mellor fisicamente ca o outro, parecían ser lixeiramente maiores. Pronto deixamos a relaxación debido a que o adestrador destes non paraba de berrar ou, para ser exactos, de berrarlles. Era un home da nosa idade, a nosa idade de hoxe, o que daquela era para nós un vello, pequeneiro, inquedo e cun xenio dos infernos. Pola outra banda, no equipo dos que eran algo máis pequenos, tiñan no banco, unha escangallada cadeira de praia para ser exactos, a un home que os animaba en todo momento, que poucas indicacións técnicas lles daba máis alá de animalos en cada acción e que cada vez que ía cambiando a algún dos rapaces non deixaba de mostrarlles afecto e recoñecemento. Nós ficamos vendo o partido con calma e deducimos polos comentarios que o equipo dos maiores gañaba por dous goles, aínda que pronto caemos na conta de que os pequenos eran máis técnicos que os grandes. O adestrador dos grandes era como un sarxento das películas ianquis, éntralle duro, veña, inútil, corre!, pero que fas?... e así sen parar cunha intensidade que parecía estar metrallando o rosario a berros. Tanto ouvear non impediu que os pequenos marcaran un gol, quedaban dez minutos e a cousa poñíase divertida. Por algunha estraña razón, a estas alturas, xa formabamos parte do encontro e, sen darnos conta, xa estabamos aplaudindo e animando con paixón ós pequenos, os cales, dito sexa de paso, estaban desconcertados con aquel grupo de cinco persoas descoñecidas que constituían todo o público que había no campo. O adestrador dos grandes berraba cada vez máis e os seus adestrados, berrados, amargados ou a saber como estaban os pobres perdían o control da situación por instantes. O adestrador tamén perdera o control e o que saía daquela boca xa deixara de ser apto para os oídos das criaturas do campo, e tamén para nós. Os grandes sacaron folgos de onde non había e tiveron un par de ocasións, chegando a mandar o balón contra o poste nun saque de esquina, pero o esférico, caprichoso nesta ocasión, negouse a entrar e os pequenos foron para arriba nun contraataque no que parecían foguetes a ollos dos seus rivais, que non foron quen de paralos, nin polas boas nin polas malas, e o gol do empate caeu no marcador acompañando na súa caída ao derradeiro minuto do partido. Os pequenos estaban eufóricos e os grandes parecían ir cara un funeral mentres o seu adestrador parecía que o levaban os demos. Cando xa estabamos erguendo para volver á estrada, de súpeto oímos unhas voces ás nosas costas e, cando miramos, vimos sorprendidos como os pequenos se despedían de nós e nos aplaudían agradecendo os ánimos.
E así, sen máis, marchamos de alí, eramos novos e tamén un pouco máis felices.

  Suso Manteiga (marzo 2019)

20/3/19

Fútbol galáctico


O señor Pedro deulle una patada a unha lata de Coca-Cola que alguén guindara desde un automóbil. “Porco!”, berráralle; mais o condutor continuara a súa marcha, coa música a todo volume. Os paxaros que peteiraban nos froitos dunha cerdeira nova saíron voando.
Camiñando torpemente, o vello, a se apoiar nunha vara longa, talvez unha aguillada devida caxato, dirixiuse á lata que estaba uns metros máis aló e, lonxe de lle dar outra patada como lle pedía o corpo, recolleuna para tirala ao contedor do lixo.
Sempre soñara con ser futbolista. De neno endexamais tivera unha pelota de verdade, das de coiro, aquelas que levaban unha cámara dentro, como as rodas dos automóbiles. Xogaban, el e os seus compañeiros, cun envurullo de trapos que, se ben non daba botes, voaba até a portería que construíran con dous paus chantados e un horizontal a facer de largueiro.
El era o mellor e sabíao, por iso lle chamaban Di Stéfano, coma o arxentino Alfredo Di Stéfano, quen, despois de debutar no River Plate en 1945, había de xogar en diversos equipos até xubilarse como adestrador do Real Madrid en 1991.
Tiña o retrato do seu ídolo e dalgúns máis xogadores. Estaban apegados á parte de atrás duns espelliños de peto que lles daba un farrapeiro dos Vilares de Guitiriz a cambio de ferragachos, roupas esnaquizadas ou uns céntimos de peseta. Eran o seu tesouro e agachábao nunha caixa de pemento enferruxada. Aínda agora, de vello, acudía ao alpendre onde antano gardaban a herba seca para comprobar que seguía alí, como a súa nenez ancorada naquel soño non cumprido.
Os seus netos, desde Barcelona, contábanlle por teléfono que xogaban no equipo do colexio. Cando acudían á aldea nos veráns, levaban un balón dos de verdade, mais os de agora xa sen cámara interna. Contaban que viran xogar a Messi co mesmo amilagramento de quen topar cun extraterrestre. O avó, que tamén o coñecía pola televisión, dicíalles que el nunca vira xogar ao seu heroe, Di Stéfano, mais que tiña seguido moitas das súas fazañas pola radio da taberna, na voz de Matías Prats Cañete, o pai do Matías Prats actual, tamén xornalista na televisión.
Mais o señor Pedro nunca lle deu unha patada ao balón dos netos. Dáballelas, pola contra, a cantos obxectos se prestaban para substituír o que os cronistas deportivos chamaban esférico. Era como se sospeitase que algo morrería nel cando a punta do seu calzado tocase unha pelota real.
O día en que aquel bárbaro do auto lanzou a lata de Coca-Cola e espantou os paxaros coa música a todo volume, sentiu con tal forza o peso dos anos, que decidiu que chegara o momento de cumprir o seu soño. “Agora ou nunca”, dixo para os seus adentros.
A aldea ficara deserta. Só as fins de semana, se non estaba lonxe, viña algunha xente da que restaurara as casas para habitalas un par de días. Os de lonxe, entre eles os seus, nas vacacións de verán. Ás casas en ruínas soamente acudían as fantasmas dos recordos do señor Pedro. O señor Pedro semellaba o derradeiro habitante do mundo, a termar dun esteo invisíbel que xa abalaba co vento.
Caía a tarde e, no outeiro de poñente, o Sol era unha gran bola dourada. “É o teu balón de ouro”, ouviu o home, e a voz era a que tería un soño se falase. “Camiña cara a el, non te deteñas”. E o señor Pedro camiñou en liña recta cara aquel trofeo que ninguén lle recoñecera antes. Non sentía os pés nin precisaba da vara, como se tivese ás a lle nacer non se sabe onde. E chegou. Chegou e colleu o Sol na man. Por vez primeira acariñou un balón auténtico e, no campo das galaxias, xoga agora un partido interminábel coas estrelas.

Marica Campo