Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

26/3/19

Fatalidade


Eu teimaba en ir ao campo da Medela esa tarde. Xogábase un partido de rivalidade, e aínda por riba, o noso equipo estaba a piques de ascender. Non se podía deixar pasar esa xornada cunha derrota ou cun empate: eran puntos decisivos.
Os adestramentos desa semana foran especialmente duros. O adestrador puxérase teixo e non houbera quen lle tusira: chovendo de cifra, chupáramos algo máis de dúas horas fozando na lameira aquela do que lle chamábamos o campo pequeno, para diferencialo do campo grande, de herba, que había que reservalo para os encontros da liga. Esta vez máis que nunca, o terreo de xogo debía estar no mellor estado posible para o domingo.
Malia todo, pouco máis fixéramos que rebentar as pernas. Mover o balón polo chan era impracticable: había que ilo empurrando como se fose unha extensión dos propios pés. O caso é que alí turramos case ás escuras ata que o bo do home se deu por satisfeito.
A última parte da sesión, o habitual partidiño entre nós, ficou axiña nunha sorte de xogo aéreo cruzado que non era do gusto de ninguén en vésperas dun partido tan importante cun rival que tiña por costume entrar sempre cos pés por diante.

Eu teimaba, pois, en chegar a tempo para o comezo do enfrontamento, para o saque dende o centro do campo: eu sempre era quen de gañalo para o meu equipo. Ese ía ser a primeira das xogadas que nos levarían á desexada vitoria. Por iso, non entendía porque demo me estaba a custar tanto erguerme. Xa case me afixera a aquel zunido ao bestia que tiña dende o último adestramento, cando me batera na testa coma un lóstrego de lume o punteirolo de alguén que me vira en boa posición de remate. Dende aquela, a cabeza íaseme, ía por libre, pesábame coma se sostivese todo o peso do mundo... non daba termado dela.

Eu teimaba en ir, teimaba en ir... pero o camiño cara á Medela viráraseme para sempre esa tarde.

Alicia Devesa

23/3/19

1-0


"Saíde de ahí que non parades de facer ruido! Veña ti, move o cu, maricón!"
Corrían a máis non dar. Aparentemente as pachangas da praciña non estaban permitidas máis que para quen estaba coa súa familia. Xa lle dixeran seus pais a Hakim que a cor da pel molestaba un pouco a algunhas persoas. En só tres meses tiña un bo montón de amizades, pero nin adultos nin veciñanza parecían gostar da súa camiseta rillada do St.Pauli.
"Ola! Son Hakim, teño once anos", dixera o día que chegara a ese barrio. Había moita rapazada por alí e acollérono nos grupos xa feitos coma se a cor non importase. "Neste barrio vivimos xente de moitas cores", explicara Oswaldo. E agora corrían xuntos agarrando o balón entre as mans para evitar que a ameaza de chamar á policía os metera en problemas.
Hakim pasa os días como pode. Fala con ese acento moro que lle di Oswaldo co seu amplo sorriso venezolano. Escachan a rir cando Hakim gaba o seu deixe sudaca... Siguen a xogar aos penaltis entre risas cómplices e clichés racistas. Ao final, todxs nos afacemos, sobretodo cando eses clichés non son chistes, senón insultos de quen non ve tan ben que un barrio coma ese, obreiro sempre, roto pola migración e logo pola droga, volva encherse de sorrisos que non teñen a mesma cor.
"Move o cu, maricón!", decía o vello de sempre. Como desde unha atalaia. Non sabía o vello que Hakim e Oswaldo corrían sen ter xogado ningunha pachanga. Sorrían sen ter tirado para marcar nunha meta imaxinaria. Bulían felices de ter topado o seu sitio. 3 meses, 11 anos e o seu primeiro bico. 1-0.

Nelson R. Avilez

21/3/19

Eramos novos


Naquel tempo eramos novos e faciamos moitas cousas dun xeito que hoxe veriamos como idealista ou romántico. Unha desas cousas era o fútbol, do cal eramos seguidores pero para nada profesionais, tan só un grupo de amigos que se xuntaban os sábados pola tarde para facer xuntos cousas. Andabamos á beira da maioría de idade, algún empezaba a andar co coche que lle emprestaban os seus pais e axudaba para transportarnos a un campo de fútbol medio abandonado noutra parroquia, porque xa daquela escaseaban os nenos, e ao cal iamos coa mesma ilusión que teriamos ido a onde se xogaba a final do Mundial. Aqueles transportes terían feito as delicias dos axentes da Garda Civil de Tráfico, xa foi fai tanto que non hai problema en confesalo, e as nosas condutas no terreo de xogo eran ás veces máis individualistas que solidarias, por exemplo, discutir no inicio e no descanso por ver quen ocupaba unha banda determinada. Non tiñamos exceso de zurdos ou destros, simplemente que, por unha banda, o campo estaba ben, e pola outra había toxos que eran máis altos ca nós, co cal correr a banda era todo un deporte de aventura extrema.
E así foron pasando tardes e tardes de sábado e o tempo foinos levando pola vida a lugares que fixeron imposible seguir contando con tanta xente como facía falta para xogar uns partidos merecedores de tal nome. O noso espírito inquedo e emprendedor levounos a outras pistas, como eran as de tenis e baloncesto, e tamén a outras máis bravas como eran as vías de servizo que quedaban a carón da autoestrada nas que era fácil atoparse cunha vaca ou un tractor saíndo dunha leira no medio dunha pista pola que baixabamos con evidente inconsciencia e desprezo pola nosa saúde. Aínda eramos novos e sentiamos a inmortalidade nas nosas veas.
Un daqueles días, no verán, pasabamos a carón do campo de fútbol dunha aldea que nos collía nun daquelas improvisadas rutas ciclistas e, como xa levabamos quilómetros abondo para que as nosas pernas nos pedisen tregua, decidimos parar un anaquiño e tomar folgos mentres asistiamos ao espectáculo que nos chamou a atención, un partido entre nenos duns nove ou dez anos.
O campo estaba a carón da estrada, no fondo dun terraplén, co cal sentarse na cuneta e sentirse como na tribuna dun estadio foi todo un, completando a nosa relaxación coa sombra duns carballos que tan ben nos prestaba coa calor que facía. Os nenos xogaban poñendo gañas e un dos equipos víase mellor fisicamente ca o outro, parecían ser lixeiramente maiores. Pronto deixamos a relaxación debido a que o adestrador destes non paraba de berrar ou, para ser exactos, de berrarlles. Era un home da nosa idade, a nosa idade de hoxe, o que daquela era para nós un vello, pequeneiro, inquedo e cun xenio dos infernos. Pola outra banda, no equipo dos que eran algo máis pequenos, tiñan no banco, unha escangallada cadeira de praia para ser exactos, a un home que os animaba en todo momento, que poucas indicacións técnicas lles daba máis alá de animalos en cada acción e que cada vez que ía cambiando a algún dos rapaces non deixaba de mostrarlles afecto e recoñecemento. Nós ficamos vendo o partido con calma e deducimos polos comentarios que o equipo dos maiores gañaba por dous goles, aínda que pronto caemos na conta de que os pequenos eran máis técnicos que os grandes. O adestrador dos grandes era como un sarxento das películas ianquis, éntralle duro, veña, inútil, corre!, pero que fas?... e así sen parar cunha intensidade que parecía estar metrallando o rosario a berros. Tanto ouvear non impediu que os pequenos marcaran un gol, quedaban dez minutos e a cousa poñíase divertida. Por algunha estraña razón, a estas alturas, xa formabamos parte do encontro e, sen darnos conta, xa estabamos aplaudindo e animando con paixón ós pequenos, os cales, dito sexa de paso, estaban desconcertados con aquel grupo de cinco persoas descoñecidas que constituían todo o público que había no campo. O adestrador dos grandes berraba cada vez máis e os seus adestrados, berrados, amargados ou a saber como estaban os pobres perdían o control da situación por instantes. O adestrador tamén perdera o control e o que saía daquela boca xa deixara de ser apto para os oídos das criaturas do campo, e tamén para nós. Os grandes sacaron folgos de onde non había e tiveron un par de ocasións, chegando a mandar o balón contra o poste nun saque de esquina, pero o esférico, caprichoso nesta ocasión, negouse a entrar e os pequenos foron para arriba nun contraataque no que parecían foguetes a ollos dos seus rivais, que non foron quen de paralos, nin polas boas nin polas malas, e o gol do empate caeu no marcador acompañando na súa caída ao derradeiro minuto do partido. Os pequenos estaban eufóricos e os grandes parecían ir cara un funeral mentres o seu adestrador parecía que o levaban os demos. Cando xa estabamos erguendo para volver á estrada, de súpeto oímos unhas voces ás nosas costas e, cando miramos, vimos sorprendidos como os pequenos se despedían de nós e nos aplaudían agradecendo os ánimos.
E así, sen máis, marchamos de alí, eramos novos e tamén un pouco máis felices.

  Suso Manteiga (marzo 2019)

20/3/19

Fútbol galáctico


O señor Pedro deulle una patada a unha lata de Coca-Cola que alguén guindara desde un automóbil. “Porco!”, berráralle; mais o condutor continuara a súa marcha, coa música a todo volume. Os paxaros que peteiraban nos froitos dunha cerdeira nova saíron voando.
Camiñando torpemente, o vello, a se apoiar nunha vara longa, talvez unha aguillada devida caxato, dirixiuse á lata que estaba uns metros máis aló e, lonxe de lle dar outra patada como lle pedía o corpo, recolleuna para tirala ao contedor do lixo.
Sempre soñara con ser futbolista. De neno endexamais tivera unha pelota de verdade, das de coiro, aquelas que levaban unha cámara dentro, como as rodas dos automóbiles. Xogaban, el e os seus compañeiros, cun envurullo de trapos que, se ben non daba botes, voaba até a portería que construíran con dous paus chantados e un horizontal a facer de largueiro.
El era o mellor e sabíao, por iso lle chamaban Di Stéfano, coma o arxentino Alfredo Di Stéfano, quen, despois de debutar no River Plate en 1945, había de xogar en diversos equipos até xubilarse como adestrador do Real Madrid en 1991.
Tiña o retrato do seu ídolo e dalgúns máis xogadores. Estaban apegados á parte de atrás duns espelliños de peto que lles daba un farrapeiro dos Vilares de Guitiriz a cambio de ferragachos, roupas esnaquizadas ou uns céntimos de peseta. Eran o seu tesouro e agachábao nunha caixa de pemento enferruxada. Aínda agora, de vello, acudía ao alpendre onde antano gardaban a herba seca para comprobar que seguía alí, como a súa nenez ancorada naquel soño non cumprido.
Os seus netos, desde Barcelona, contábanlle por teléfono que xogaban no equipo do colexio. Cando acudían á aldea nos veráns, levaban un balón dos de verdade, mais os de agora xa sen cámara interna. Contaban que viran xogar a Messi co mesmo amilagramento de quen topar cun extraterrestre. O avó, que tamén o coñecía pola televisión, dicíalles que el nunca vira xogar ao seu heroe, Di Stéfano, mais que tiña seguido moitas das súas fazañas pola radio da taberna, na voz de Matías Prats Cañete, o pai do Matías Prats actual, tamén xornalista na televisión.
Mais o señor Pedro nunca lle deu unha patada ao balón dos netos. Dáballelas, pola contra, a cantos obxectos se prestaban para substituír o que os cronistas deportivos chamaban esférico. Era como se sospeitase que algo morrería nel cando a punta do seu calzado tocase unha pelota real.
O día en que aquel bárbaro do auto lanzou a lata de Coca-Cola e espantou os paxaros coa música a todo volume, sentiu con tal forza o peso dos anos, que decidiu que chegara o momento de cumprir o seu soño. “Agora ou nunca”, dixo para os seus adentros.
A aldea ficara deserta. Só as fins de semana, se non estaba lonxe, viña algunha xente da que restaurara as casas para habitalas un par de días. Os de lonxe, entre eles os seus, nas vacacións de verán. Ás casas en ruínas soamente acudían as fantasmas dos recordos do señor Pedro. O señor Pedro semellaba o derradeiro habitante do mundo, a termar dun esteo invisíbel que xa abalaba co vento.
Caía a tarde e, no outeiro de poñente, o Sol era unha gran bola dourada. “É o teu balón de ouro”, ouviu o home, e a voz era a que tería un soño se falase. “Camiña cara a el, non te deteñas”. E o señor Pedro camiñou en liña recta cara aquel trofeo que ninguén lle recoñecera antes. Non sentía os pés nin precisaba da vara, como se tivese ás a lle nacer non se sabe onde. E chegou. Chegou e colleu o Sol na man. Por vez primeira acariñou un balón auténtico e, no campo das galaxias, xoga agora un partido interminábel coas estrelas.

Marica Campo

19/3/19

Pasar a pelota


Eu non era moi futbolero e, normalmente exercía de augafestas sempre que tocaba unha conversa de fútbol. O fútbol de masas dábame moito para atrás e, para non crear polémicas, mantiñame normalmente á marxe da conversa. Como moito coincidía cos meus amigos afeccionados en que o fútbol non profesionalizado era algo interesantísimo e que había que potenciar.

Ese día tocou falar de fútbol cun bo amigo diante dunhas 1906 e unhas tapas nun bar do barrio de Paradai e, contra o que era habitual (falar dos últimos partidos da liga, ou do Taboada ou do Lemos, segundo con quen estivese) a conversa non foi sobre un partido ou sobre unha equipa, senón sobre o fútbol mesmo.

- Eu creo que se o fútbol é un dos deportes máis populares o é por unha razón -dixo o meu amigo.
- Pois ti dirás.... non sei por que non pode ser igual de popular o baloncesto, por poñer un caso.
- Penso que o futbol é popular porque é sinxelo... con dous paus que fagan de portería e unha pelota xa podes xogar. E se non tes pelota podes usar calquera cousa que sexa esférica. Pódese xogar cunha pedra ou cunha pelota de trapo, nen sequera fai falla que bote moito.
- E é tan sinxelo que apenas ten regras. É un deporte que, en comparación con outros, ten unhas regras moi básicas: o fóra de xogo e cousas de sentido común coma non coller a pelota coa man ou non morder aos do outro equipo.  


Eu non estaba en disposición de disentir, non coñecía os regulamentos do fútbol nin doutros deportes o suficientemente ben como para discutirllo, pero fieime do seu bo criterio.

- É coma a vida, amañamos co pouco que temos a man e aínda que tentemos poñerlle regras, no fondo sabemos que non as ten, ou, se as ten, son moi poucas.
- Totalmente de acordo. E diríache aínda algo máis. É un deporte de equipa, non o esquezas. Din os sociólogos que as clases medias e baixas son máis dadas a practicar deportes de equipa e de contacto físico. As clases altas practican vela, esquí, hípica e cousas así. Pero os rapaces no barrio xogan ao fútbol.
- É que a vida é tamén un deporte de equipo. E con contacto físico.
- Xa postos... ti como definirías o fútbol? Que é o esencial?
- Eu non me atrevería a facelo, pero unha vez escoitei unha definición que me gustou moito. Creo que lla oín a un adestrador. Dicía que o fútbol consiste en recibir, controlar, correr e pasar a pelota.
- Outra vez está ahí o fútbol coma unha metáfora da vida. Recibímola ao nacer, temos que adaptarnos a ela e temos que esforzarnos, pero tamén temos que saber ceder cousas aos demais.
- Precisamente. Cando eu era pequeno diciamos que o xogador que retiña a pelota era un “chupón”. E non era un piropo. Resulta moi valioso que un acto de renuncia e que vai en contra do lucimento persoal sexa o acto esencial neste deporte.
- Cantos partidos non veríamos nós que o único que se facía era pasar a pelota. E resulta que iso era a clave do asunto!
- Efectivamente, pasar a pelota, esa é a clave do asunto.
- Manolo, ponnos outra ronda se fas o favor.
Anxo Rigueira
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)



Comenzos dos oitenta


Sábados de mañá.
Nenos das rúas Washington, Vila de Carral, San Jorge, Vila de Sada, Rolda de Monte Alto… fillos da cidade con aldea en Irixoa, O Pino, Ortigueira, Ordes, Touro, Friol… concéntranse perto do cárcere provincial. Vista idílica coa Torre e o Océano de fondo, vista realista co patio da prisión chea de persoas paseando dun lado a outro e con persoas na súa volta falando nun ton excesivamente alto e guindando, algunha que outra vez, bolas pequenas.
Lugar do encontro: Campo de Pombo (terreo cun desnivel considerábel, arrodeado de leiras e animais que pacen tranquilamente). Espazo perigoso para as persoas idosas que sentan nun fondal do campo (detrás da imaxinaria portería sinalizada con dous croios a cada lado) para apañaren o sol de mediodía e falaren contos coas súas amizades.
As equipas locen as súas mellores galas. Cada rúa identificada cunha camisola de algodón comprada con certo esforzo por cada un dos seus membros. Estas levan o seu número de skai, cosido polas propias nais. Algún, con máis posibilidades, calza unhas Cejudo.
Comeza o xogo. A bola vai dunha portería a outra. Futbol directo. Resultado? Obvio, a equipa que se sitúa na parte alta do campo gaña sempre.

Antón Laxe
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

18/3/19

(experiencia persoal)

Boas, son Antía Pérez, de Laza. Capitá da Selección Española sub-19 e xogadora do Poio Pescamar.
Para min o deporte e en especial o fútbol sala femenino, é algo más que un “hobby”. É unha forma de distracción, unha forma de vida.

Grazas ó deporte estou saíndo a diante con todo, dame forza para seguir o pé do canón da vida e para non saírme do camiño adecuado.

Imaxe achegada por Antía
Antía Pérez
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

Que o tire o Mato


É raro de ver pero foi así, a min contoumo o fillo. O fillo do Carneiro grande, que xogaba tamén con eles, unha noite onda o Póngalas. Polo visto, que foran xogar a Castropol. E polas San Lucas deron en querer traelos a Mondoñedo, xogar a volta logo. E isto outro tamén. A idea tivéraa o Mato, xusto o carallo do Mato. Eles eran daló da Muxueira.
Os pais.
El era central.
Botáballe peito e poñíalle intención, xaora, non se discute. Non lle apuntaba a un cesto, o Mato. Pero arar araba a feito. Tíñalo que ver: o Mato era así ben parido, metro noventa. Non lle collían os pés nas botas, logo parecían cebolas, metía medo. No Seminario como era tan alto, sempre lle preguntaban que tempo ía vir. Entón el viraba a cabeza cara O Fiouco e daba o parte, lanzal:
«Es posible que vengan precipitaciones. Pero tampoco se descarta que llueva».
E ría cos dentes todos coma un acordeón desafinado ao celebrar a inventiva, alumándolle conciliador unha hostia ao primeiro que collía por diante.
O Mato era contrafeito pola boca, sedutor, líder e analfabeto a partes iguais. Escoiteille ao Marful verídico dicir que tiña os collós como mazás, dispensando, non o sei; cando lle entraba ao dianteiro cos dous pés por diante, os vellos aprendían de anatomía na barra. Todo cristo sabía ben o que pasara na Marosa, cando no medio da polémica cun árbitro de Foz, dixéralle tranquilo ao paisano, pero sen lle mentir tampouco, que lle barría os dentes. E barrérallos. E aos xuíces de liña tamén. Cada vez que me acordo…Vin chorar un dos liñas onda o córner mirando os dentes e as moas, tiña a dentamia toda estrada, alí ao pé da bandeirola. As pezas dentais de ouro do asistente refulxían na auga da lama coma os barcos dos shardanas aqueles remontando o delta do Nilo, na batalla contra Ramsés.
Dixéronllelo aos outros unha mañá no Pallarego. O Sacristán ergueu de onda o Mato, que llo bisbara á orella. Cuspiu solemne cara a rúa e, pasando o brazo polos fociños volveuse á concurrencia:
«E polas San Lucas vai vir un fogueteiro tamén. Millor non o hai!»
Polo visto o pirotécnico era parente do Benigno de Tui, fogueteiro de referencia da zona de Pontevedra. Chamábanlle Elías, polo do carro de lume. O Elías dominaba con gran desempeño todas as sortes da pirotecnia. Destacaba especialmente no xogo de polgar co cartucho da bomba de palenque, ao igual có gran Benigno. Tiña o polgar plataneiro. Houbo falar del Don Álvaro, si. Non era amigo de laiar pero o día que perdeu o dedo, doer doíalle igual.
O fogueteiro Elías chegou polas San Lucas contra a hora do vermú, en plan americano. Tocado con sombreiro Panamá e lentes de sol, vestía traxe inglés e zapatos italianos, chaleco cruzado e acendedor Dupont con releve historiado que recreaba a chegada dos ingleses do Capitán Cook a Tahití. Botou os primeiros estalos onda os nenos a unha man, namentres facía que divisaba distraído Vilamor ao lonxe. E coa outra fumaba un Celta e botáballe agarimoso a cinza no pelo aos cativos que o querían palpar. Galanteou o que quixo coas mulleres e traía un rapaz de Baños de Molgas que lle cargaba toda a petardería, namentres el baixaba ao toque o moscatel e repasaba coa folla do puro as febras de poldro que lle agancharan entre os dentes. Vaia feira!
Foi pola tarde. O campo da Fonte do Sapo estaba cheo. O fogueteiro saíu botar os primeiros foguetes, con alardes de filigrana, moi aplaudidos dende a zona de sombra. Houbo empate ao descanso e unha nova exhibición do artificieiro, xa en estado de graza. Din que o viron despois no Pozo da Cega ben acompañado, enfornando cunha confidente de Taramundi.
Reiniciouse o partido, que estaba aéreo. Rinchaban os cabalos dende a feira coa grada ao escoitar o
balbordo, cada vez que cruzaba a divisoria o Mindoniense. Ata que no último minuto chegou a xogada: o Cigarrán baixou o esférico ao piso con mestría de panadeiro, caneou o seu par e progresou afouto en diagonal pola canella do centro, cedéndolla de biqueira ao oco ao punta, que ingresaba fuxitivo na área vindo dende atrás. De súpeto, fíxose un silencio unánime no estadio que se debeu sentir ata no Valadouro. Un neno rompeu a chorar entre o fume do tabaco, espectro inmóbil, que parecía observar tamén a xogada. Xa se cantaba o gol pero ao dianteiro fíxoselle de noite. O central do Castropol segoulle a perna, que describiu volta e media en espiral, coma un Virxilio que acompañando o Dante dese a volta na porta do inferno antes de entrar. Rebentáranlle a perna ao chaval. Choveron berros e protestas. O árbitro, un rapaciño de Lourenzá, pitou penalti, expulsou o defensor visitante e desatou a celebración da grada. Os vellos que saíran mexar contra o muro entraron en tropel. Ninguén quería tirar. Era moita responsabilidade e por riba nas San Lucas. Daquela foi cando falou o Emilio do Patoyo:
«Que o tire o Mato».
Abriuse un corredor entre os xogadores do Mindoniense que lles deixou ver aos nenos que estaban atrás da portaría aquela figura imperial, case bíblica, do Mato, camiñando con clamorosa parsimonia cara o balón que descansaba xa no cal, coma un Moisés que fose abrir o Mar Vermello. O Mato acomodou o balón e fitou o porteiriño, que era todo viseira e tremía agochado atrás da indumentaria, agardando pola execución. O Campo da Fonte do Sapo era unha soa voz:
«Ma-to, Ma-to, Ma-to, Ma-to!»
O Mato botou a correr e o fogueteiro Elías soubo que chegara o momento do clímax, termando estratéxico do artefacto, preparando o chisqueiro. Sacou o seu mellor foguete para culminar a xornada e celebrar o gol seguro do aclamado central.
Prendeu o artista a mecha pisando en falso e daquela escoitouse un eterno si do mar entre o fume.
Shhhhhhhhhhh! Houbo unha terríbel explosión. A fumareda invadiu a área, entre o silencio abafante dos seareiros. A borraxeira desapareceu aos poucos e a xente puido ver o porteiro debelado, apolíneo xa no chan. A uns metros, alí o estaba: un furado perfecto no punto de penalti, requintado por un negro anel de restos de pólvora. Non quedaba nin rastro do Mato. Tampouco do balón. Rompeu o silencio un vello dende o córner:

«Cago no demo, se lle chega dar, descósea. Pero eu o Mato ver non o vexo». E non o vían. E que lle ían ver.

Lois Pérez
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)
 (publicado previamente en La Voz de Galicia, 19-10-2017)

17/3/19

O meu fútbol

Teño que recoñecer que nunca fun futbolista, nin tan sequera, cando sendo pequeno, todos os nenos xogaban ao fútbol. Malia non ter xogado ao fútbol si que teño moitos recordos vencellados a este deporte.
Son de Quiroga, unha vila pequena ao carón do Sil, e moitos dos meus recordos dunha nenez agradable teñen que ver cunha pelota. Supoño que a moita xente da miña idade pásalle o mesmo.
Os veráns destes anos xiraban sempre en torno ao tremendo desexo de que alguén quixese acompañarnos a pasar a tarde no Pozo Negro do río Quiroga. Alí gastamos moitas horas felices como moitos outros nenos en moitos outros lugares do mundo. É algo que se repite en calquera lugar do mundo onde hai auga: nenos felices larapexando na auga.
Ata aquí, nada que ver co fútbol pero... podo dicir que Guillermo o do banco, procedente de Monforte, un verán calquera dos últimos anos 70, cambiou a dinámica dos nosos veráns organizando un campionato de fútbol no que chegaron a participar numerosos equipos da Comarca de Quiroga coa rivalidade propia da xente que sinte moito todo o que fai, así somos nós e supoño que en outras partes de Galicia. Aquí presentábanse tarde tras tarde os equipos de San Clodio, Campos de Vila, A Ribeira, Folgoso do Courel, os representantes de varios establecementos hostaleiros da contorna e... a Cultural Quiroguesa que, si non lembro mal era o equipo de Guillermo.
A organización era impecable e había fútbol todos os días durante os mes de xullo e agosto. Nesta época todos, grandes e pequenos agardábamos á tardiña para achegarnos ao vello campo de fútbol San Martiño, en terra e sen peche de ningún tipo, perfectamente integrado no soutos do barrio do toural de Quiroga. Si, alí onde agora está o Instituto de Secundaria o Colexio de Infantil e Primaria, o pavillón de deportes e o Centro de Saúde, había un souto cunha fonte no centro, e no espazo que hoxe ocupa o pavillón e parte dos centros educativos, o campo de fútbol.
Botamos alí moitas horas durante estes campionatos que tiñan todas as voltas de enfrontamentos que fixeran falta para que a xente tivera algo que facer nos calorosos solpores do verán quirogués.
Non podo recordar cantos veráns durou esta iniciativa pero si que estou seguro que, aínda que en Quiroga-San Clodio sempre houbo moita tradición futbolística, non creo que houbera unha iniciativa na que participaran tantos equipos e, polo tanto, tanta xente.
A organización acadou uns grados de perfección tan grande que ata se chegou a editar unha revista co calendario de enfrontamentos, crónica dos partidos que se ían xogando e entrevistas cos xogadores. Nunca conseguín volver a ver nunca ningún exemplar desta revista de factura rústica pero con moitísimo encanto. Estou seguro que en calquera momento algunha aparecerá e quedarase con nós para sempre.
Seguro que haberá quen difira da miña opinión pero estou seguro de que este campionato foi o xerme da fundación en tempos modernos do Club Deportivo Quiroga, formado por xogadores de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. Lembro perfectamente cando se deu este paso e o vello campo de Fútbol San Martiño se remodelou para participar na liga da categoría máis baixa que había en aquela época, a segunda rexional. Dende entón e ata a súa desaparición o campo contou con vestiarios e un muro de peche de bloques de formigón que cambiou o aspecto deste barrio pero que a todos nos fixo moita ilusión.
O primeiro partido disputado na liga polo Club Deportivo Quiroga nesta etapa foi contra o Riotorto e só podo dicir que agora que fago memoria podo recordar perfectamente as tardes de fútbol neste campo subido ao ribazo de terra que o delimitaba.
Este equipo que representaba a unha terra e a unha xente foi quen de ascender a primeira rexional no primeiro ano que participou na liga... e pouco despois a Rexional Preferente o que xa implicou que o campo cambiara de lugar e de aspecto. O vello estadio San Martiño sempre foi de terra, ben... de terra, lama ou po dependendo da época do ano. Creo que todos os intentos por ter alí algo parecido ao céspede quedaron en nada, algunha herba saía pero duraba pouco.

Ramón Vila
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

16/3/19

No arredor do fútbol

Foi aquel un partido excepcional no que os meus compañeiros e mais eu fixemos vibrar a toda a xente da contorna do Val de Lemos e, tamén, aos de Taboada que viñeran connosco no coche de liña xunto con algúns máis nos seus vehículos particulares. Xogabamos alá, sairamos de mañá e con tempo despois de cargar as caixas de camisetas, balóns, caixa de vendas e urxencias. Xantar de camiño en bocadillos e refrescos, e chegada ao campo cun par de horas de prevención. Cambiarse e saír ao campo dar uns toques. Xa entrara no campo aquel temido equipo de Monforte, ían de primeiros na liga autonómica –xunto co Sarria, Quiroga, Outeiro de Rei, Riotorto, Santaballés, Chantada, Monterroso, Burela, Pastoriza e Viveiro- xogaban con sobrada solvencia, daban uns toques ao balón coa tranquilidade que dá a superioridade técnica, a precisión e preparación de tantos anos; por riba, xogar na casa. Nós, pobres de nós, aínda por configurar, por conformar debidamente, por situar no campo, por saber as claves para movernos nel, recoñecendo o regulamento e aplicándonos en cada mover sobre da herba. Algúns, coma min, chegaramos ao grupo aínda había un par de semanas e a penas tiveramos tempo de adestrar para –tan so- comprender o xogo defensivo e de ataque, para entender a técnica combinada que o adestrador procuraba e subsistir no medio daqueles grandes equipos que tiñan historia e unha traxectoria combativa de amplos horizontes. Nós non podiamos pensar no ataque senón na defensa, e andar ao toque de balón sen máis.
Tamén, pensei para min, este é o xeito de ir aprendendo. Teño que mirar e observar, estar atento ás xogadas, moverme coa seguridade da carga lúdica coa que foi creado este deporte. Temos que saír do tropezo e do medo. Así fixen, tan pronto comezou o partido fun situándome e nivelando o xogo dos compañeiros. Coa pelota en xogo, recuperei o sorriso deles –os meus- e  alenteilles o ánimo festivo da contenda. De súpeto, vin nas gradas a Celia. Nun intre de milésimas de segundo percibín o seu rostro, a súa ollada e envolta nunha bufanda de cor vermello. Celia é o meu amor, a miña muller soñada e amada, a miña princesa. Como podería saber, ...como podería estar alí? Eu sempre a vin en Lugo, no arredor de Maxisterio, onde facía Educación Infantil. Alí era a súa localización, onde nos coñecemos e comezamos a nosa relación, mentres eu estudaba na Escola de Peritos. Nun aquel de cordura, lembrei que ela é de alí, de Monforte. Vin o seu sorriso no medio de toda a xente e coa súa expresión doce e chea de orgullo. Motivo polo que me puxen oufano e avalado por unha carga adicional de carraxe. Que ben, alí estaba ela. Cando acabase o partido seguro viña saudarme e poderiamos falar. Quen había dicir!
O partido foi indo. Pouco a pouco despexabamos da mente a derrota que traiamos asumida. Non era para tanto, aguantabamos ben, sen sobresaltos. Tampouco era o día deles, non estaban tan a punto como pensabamos. Debíalles faltar alguén moi básico. Non marcaban moito, e estaban demasiado confiados nun gol de sorte que non chegaba, porque nós defendiamos con forza as posicións. Nalgún momento quixeron achegarse á área, pero a defensa funcionou moi ben interrompendo os pases longos e imprevistos. Acabou a primeira parte sen novidades. Eu fun falar con Celia. Aledouse moito de verme no Taboada xogando, non sabía. Ela sempre ía ao fútbol os domingos co seu pai e o seu irmán pequeno. Fun para os vestiarios e, todo contento, acertei a pedirlles a todos un pouco máis de incisión no xogo, a ver se eramos quen de achegarnos ou tentar un gol. Chegado o segundo tempo e cando xa só faltaban uns minutos para o desenlace final de empate a ceros. Eu, no medio dos xogadores, quedei mirando a Celia, a miña Celia querida, xa confiado no resultado final. Alguén do meu grupo, coido foi o Baliña, mandou un lorcheirazo longo á portería, ía ben dirixido pero era moi inocente, o porteiro estaba en liña para collelo, anque non contaba que na súa traxectoria bateu en min na mesma testa aparvada en amores mentres soñaba aínda cos ollos de Celia, vela a ela foi o preciso para cambiarme o pensamento. Bateu o balón e desviou o tiro un pouco, o suficiente para confundir ao gardameta contrario. Entrou pola escuadra. O milagre estaba feito. Eu metera un gol desde un intelixente cabezada –involuntaria, pero iso so o sei eu- que contiña o pensamento de Celia, a miña Celia. Sempre souben que aquel gol fora produto do amor, da maxia que envolve os momentos felices dos afectos. Gañaramos o partido por un gol, e aos temidos xogadores do Monforte. Quedei case coma un heroe do fútbol afeccionado da provincia, nese onde un se devirte, medra e fai deporte motivándose para a vida. Os compañeiros abrazábanse en min e eu neles. Era incrible. Entre tanto barullo busquei a Celia. Ben a vin, viña onda min felicitarme. Todos deixaron que nos deramos un grande abrazo. Ao final o fútbol tamén pode ser iso, afectos enormes que ponderan as confianzas e os soños que sempre temos. En definitiva o verdadeiro fútbol é o “amateur” ou, por falalo no de aquí: dos que aman. Aquel que é local e está preto e é modesto, que se concilia cos sentimentos. Que se comparte. Por iso vos contei a miña historia.

Baldomero Iglesias (Mero)
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)


15/3/19

O fútbol e televinte

Ola! Son David “o da Televinte” como me coñece a xente de por aquí. Un home de baloncesto e fútbol, aínda que o fútbol cada vez me interesa menos, sobre todo o da “liga das estrelas”. O que si sigo é o fútbol afeccionado, con il pasei e paso moitas tardes. Non me esquezo de cando comecei en Televinte, alá polo ano 98, e íamos de campo en campo a gravar e retransmitir o fútbol da comarca, o noso verdadeiro fútbol. Moitas viaxes, xa que tamén gravabamos os partidos que se xogaban fóra da casa, ou os tremendos fríos do inverno, no que as mans se quedaban conxeladas e non daba enfocado ben. Emitíanse o luns, e tiñan moita audiencia, ás veces se non podíamos retransmitilo nós o domingo en directo, viñan alguén do club que gravaramos a retransmitilo dende o plató. Foron anos fantásticos onde coñecín a moita xente, que a día de hoxe sigo tendo amizade, e cando me atopo con alguén, sempre lle lembro aqueles tempos. Eu son metade de Chantada, por parte de pai, e metade de Taboada (Gondulfe) por parte de nai, os derbis entre a SD e o Taboada, sempre os ía gravar cunha paixón enorme, máis que o Madrid – Barça, era e son un día de festa, de atoparse coa xente de Taboada coa que estudei. Para min a Medela son tardes de conversa co meu amigo “Atajú”, nos que falabamos de todo menos de fútbol. Eu sempre lle dicía que era moito mellor o Chantada (máis que nada, para ter discusión) pero no fondo, eu tamén era e son do Taboada, e teño que recoñecer que sempre me gustou moito como xogaba. Lembro partidos nos que realmente se vía fútbol. Vou dicir unha cousa, e algúns dirán que estou tolo, eu son do Celta, teño ido moito a Balaídos, teño estado no Bernabeu cando estudei en Madrid, pero asegúrovos, que o mellor fútbol que vin na miña vida foi na Medela, o Taboada tivo épocas que podía xogar con calquera. Como dicía a miña avoa, que tamén lle gustaba o fútbol, bailáballes o balón nos pés. Por iso me sinto un privilexiado, primeiro por poder ver tan bo fútbol, e segundo, que grazas a Televinte, faciamos que o puidera ver toda a comarca.
Un luxo para tod@s.
David Vázquez (Pinancho)
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

14/3/19

O Rocha, dandi da Milagrosa

"O adestramento, a alimentación e algo máis de descanso así, como o veleno da alta competición, para un rapaz que vía un desafío en cada lance, fixeron del un xogador aplaudido por todos os campos da Península. Rendidos ao eléctrico iconoclasta que discutía cos árbitros, cos contrarios ou cos compañeiros e marchaba do campo insultando aos seareiros; un regueiro de pólvora ao seu paso, sempre co plan de fuga na cabeza".

HAI QUEN non dorme por falta de sono, outros non o fan por elegancia. Foi este o caso do Rocha, dandi da Milagrosa sen sabelo. Vivía no Barrio Feijoó, onde medrou meu pai canda meus avós, en Lugo. Botou a infancia o Rocha entre baixar ao río polo verán e subir fascinado os chanzos da escaleira. Co pulso acelerado cara á Avenida da Coruña, onde os meniños vían chegar o camión do peixe directo da cidade herculina ao lonxe, debuxado no horizonte aló, contra o Alto de Garabolos; o motor a renxer entre as pezas de xeo que ían caendo ao seu paso. Os nenos berraban enfebrecidos e sempre había algunha liorta onde probar os dentes. Ou ir ver as proezas do Mejuto e do Petisco, atletas e almas xemelgas. Coma el, mantiñan un pulso constante co lume da vida: saltaban de riba dos trens de mercadorías cando estes chegaban a Lugo, ao seu paso pola Ponte Romai.
El tíñao. Era o que Lorca chamaba 'o duende', ao ver tocar os flamencos e que os negros de New Orleans nomearan 'swing', o 'shi' dos chineses segundo Cunqueiro e que sería o xeito dos galegos, como improbábel corpus argumental dunha teoría inexistente: a do misterio que foxe duns corpos aos outros. Atravesar o tempo. Aqueles rapaces tiñan xeito a esgalla. Sempre máis lonxe, máis alto. Máis forte. Máis pobre. Unha aposta imprecisa á que os levaba seu instinto aquel e a forza da mocidade contra o mundo ao que naceran. Marchaban á Coruña na adolescencia infinda por este mesmo sistema temerario e suicida: ver xogar o Deportivo, buscar aventuras polos xardíns do Méndez Núñez. Noutras ocasións ían na dirección contraria, gastar o pouco diñeiro que tivesen a Ponferrada, diante da mirada abraiada e divertida dos cativos do barrio para os que eran ídolos auténticos.
E se o Mejuto e o Petisco eran os protagonistas indiscutíbeis do salto na Ponte Romai, cara o barranco de Friás, o Rocha non tiña parangón nos partidos de fútbol que se disputaban até que a escuridade marcaba a fin do tempo regulamentario, no Campo das Mantequerías. Xa só existían no pensamento dos participantes os límites do terreo de xogo, sombras na noite estrelecida.
O Rocha viña dunha familia ben humilde: era fibroso, delgado e forte, de trazos afiados e mirada incisiva, ben parecido, mullereiro, predisposto ao trago. A voz ronca e o tabaco negro. Fora educado na rúa, en cada esquina e sen canción. No campo de xogo, libre ao fin, non tiña rival. O balón acaíalle coma unha prolongación natural dos pés, e onde os outros quedaban ás escuras, viraba imaxinativo o Rocha e inventaba un pase, un disparo imprevisíbel, un caneo xenial; bailaba sobre os rivais, agora manequíns, debuxando xogadas, como un anacrónico esteta rescatado dos salóns de París, collido da man da tarde e ben atento ao son das musas. Cando ingresaba na área, o Rocha mudaba no perfecto verdugo sen piedade. Unha cabezada ou un golpeo seco e o partido costa arriba para o equipo contrario.
Debutou co Milagrosa, un dos equipos de barrio máis importantes da cidade. Tanto talento non podía pasar desapercibido entre as bebedeiras nocturnas e os traballos ocasionais para saír adiante, sempre o fútbol no maxín. Ao pouco deu o o salto ao Lugo, onde afinou o seu talento natural, ateigado de insomnios e demos e noites en que o sol se puña até dúas veces. O adestramento, a alimentación e algo máis de descanso así como o veleno da alta competición, para un rapaz que vía un desafío en cada lance, fixeron del un xogador aplaudido por todos os campos da Península. Rendidos ao eléctrico iconoclasta que discutía cos árbitros, cos contrarios ou cos compañeiros e marchaba do campo, insultando aos seareiros; un regueiro de pólvora ao seu paso, sempre co plan de fuga na cabeza. E danzaba coa pelota ao ritmo das coplas de Farina, que se berraban polos antros da Rúa do Carme, nas canfurnadas de vitoria, ou cando se choraban as miserias coa derrota.
Chegado o momento, a ninguén lle sorprendeu a nova de que o Valencia quixese facerse cos seus servizos. Un novo talento que parecía non ter límites. Era el mesmo quen movía unha e outra vez os marcos dunha axitada existencia que non sabía de leiras. As vidas de moitos de nós cambalean en momentos chave nos que se debese dicir non. Dalgún xeito precipitan para sempre o desenlace das mesmas. Pero o Rocha sempre dixera si. Si; á voluptuosidade e á entrega hedonista, no xogo, na noite, na bebedeira, aló onde houbese unha borda pola que tiralo todo. Si; ao perigo que roldaba sempre no ambiente coa súa presenza, oculto atrás do seu sentido do humor. Nunca se soubo se aquela fuxida xenial cara diante do Rocha fora por unha ferida de amor, ou tan só era unha imprecisa e vaga melancolía coa que todos nacemos, pero que só uns poucos lembran. O día en que o Rocha marchou para Valencia, foi despedido coma un auténtico heroe no corazón do Barrio Feijoó, o particular Five Points deste barrio obreiro, no cruce da rúa San Antonio coa San Vicente e coa rúa Juana Ibarborou. Estoutro era un camiño sen nome que baixaba á Ponte Romai. Pechaba o quinteto a rúa Río Parga, un pobre canellón sen saída de non máis de vinte metros de longo, que se cadra silandeiro, falaba do curto percorrido que lle agardaba a moita daquela xente. Os nenos tiraban do Rocha na barafunda, algunha moza choraba bágoas furtivas e onde o Petisco e o Mejuto vían as formas certas dunha sorte de traizón, a xente maior despedía orgullosa o rapaz díscolo e sensíbel, un home bo, preso das súas paixóns.
O Rocha marchou en bus até Madrid e dende alí foi a Albacete, onde faría noite na súa viaxe ao sur. A gloria agardaba. E non se sabe se polas luces do descoñecido ou polos bares que sempre son o mesmo e repetido, o Rocha fixo unha vez máis que sabía: a entrega sen límite até o asubío final, desta volta anunciado pola amante inoportuna do bardo, a claridade. Segundo os cálculos dos entendidos no tema, o Rocha debeu chegar a Valencia cara o solpor do día seguinte, nun estado deplorábel. Os dirixentes do club ché prescindiron dos seus servizos. Mandárono no primeiro autobús de volta a Lugo.
Malia todo, a vida continuou e o Rocha seguiu a facer o que mellor sabía, xogar e troulear, pasaron os anos. Nos seus últimos tempos en activo, case con corenta, facía tamén de adestrador e contaba meu pai que ao dar a aliñación, só dicía dez nomes. Nunha ocasión un dos rapaces preguntoulle: e logo Rocha, co once non xoga ninguén? E el respondeu: co once xoga o Rocha, carallo! Veña pró campo, chaval!
Xa nos anos oitenta, eu non tería máis de oito ou nove anos, o Rocha acompañaba os equipos de veteranos nos partidos que se disputaban polos incertos campos das parroquias de toda a volta: Complesa e o campo de Santa Comba —co pau da luz de quita e pon—, Nadela, As Gándaras e Albeiros, Guitiriz polas festas —xa sen o carballo que presidía o círculo central nos anos corenta e contra o que se estrelara Celestino Fernández de la Vega— e todos os outros… Á volta dos partidos de mañá dos sábados, os xogadores da Illán, meu pai incluído, ingresaban directos do coche ás duchas da panadaría por entre os fornos e os sacos de fariña, co titilar metálico dos tacos e o arrecendo do pan —imaxe e olores que xa nunca puiden esquecer— namentres o Rocha me preguntaba fóra na rúa se me gustara o partido. Despois achegabámolo até o Rouco, o estanco da Avenida da Coruña, onde baixaba ás présas e lle pedía algo a meu pai, que sempre lle daba: e non terás por aí algo, ho? É pra invitar os amigos, que case é unha vergonza… E entregábase o Rocha unha vez máis ao naufraxio da Milagrosa, aló polos bazares da noite.


Lois Pérez
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)
(Publicado previamente en Galiciae, 07 febreiro 2018)

13/3/19

II. Os clubes e o escenario

Unha das grandes fraquezas de Paderna era o fútbol…
Manuel María / “A tribo ten catro ríos”

Naquela etapa, ao redor do ano 1980, xogabamos clubes dunha rodeada que comprendía boa parte da Terra Chá. A maiores do Bonxe, o noso propio, existiran outros moitos, entre eles os de Aguiar, Sobrada, Paz, Mosteiro, Gaioso, Silvarrei, Robra e Outeiro de Rei, todos eles na contorna do citado concello. Tamén Matodoso, San Xiao de Mos, Bazar, e Castro, dentro do municipio de Castro de Rei. Por outra banda houbera o Meira, Ribeira de Piquín e Ríoxoán.

Por outra parte, existiran clubes conformados na capital lucense tales como Galicia Atlético, Albeiros, Tirimol e Peñarol de Pías, entre outros. E mesmo algúns do veciño concello de Begonte, tales como o Saavedra e aquel nomeado San Martiño, que tiña a súa orixe na parroquia de Carral. Esta é unha parte dos existentes, mais non todos, xa que a memoria de nós marcha por camiños que ela mesma procura esquecendo con frecuencia acontecementos e nomes.

Para terreo de xogo era común adaptarmos calquera veiga sen pórlle moitos reparos. Así, en tal contexto, producíanse situacións que hoxe en día non son doadas de entender. Buratos competentes producidos polo gando á hora de pacer as outonías, a herba sen cortar formando montilleiras, por non falar dos asulagamentos continuados que se producían e que mesmo xustificaban o nome de Liga do Inverno moi acaído para esta competición que falamos.

As porterías, con afortunadas excepcións, ían construídas con dous postes de bidueiro e seu traveseiro correspondente. Para conseguirmos redes houbera que realizar viaxes á costa e facérmonos con algunhas das que xa non eran utilizadas polos barcos para a pesca. Vestiarios e auga corrente eran luxos que non existían no mundo de daquela. Cadaquén procuraba as solucións máis axeitadas, dende lavármonos nas gabias cheas de auga até mudarmos a roupa mollada e marchar coma foguetes para facelo na casa.  

Orlando V. Veiga
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

10/3/19

Adestramento para pais


Me cago en tal! Hoxe tocoume levar á nena ó adestramento. Non sei de onde lle vén esta afección polo fútbol porque nin eu nin seu pai somos seareiros de ningún equipo, máis ben ó contrario.
Nada máis pisar os cativos o céspede, o pai do gardameta púxose a berrar coma un tolo. Pero..., que demo lle pasa a este home?
Mentres, eu póñome a ler na bancada porque, despois dos primeiros cinco minutos, aquilo non acaba de “engancharme”.
Pouco despois, escoito detrás de min unha voz furibunda: “Penalti, penalti!”. O adestrador detén a sesión e achégase a un grupo de pais para aclararlles: 1º, que aquilo non era un partido; e 2º, que estaban poñendo nerviosos ós rapaces.
Ai! Boa a fixo! Agora empezaron con el, ou máis ben contra el: que se “espírito competitivo”, que se “quita este para poñer aquel”, que se “así non van gañar nunca”...
O adestrador apartouse un pouco daquela manda salvaxe e, sen dicir nin palabra, fixo soar o seu chifre. Os nenos e nenas, todos collidos da man, comezaron a desfilar cara ó vestiario.
Eu sorrío, aplaudo con fervor e dígolle a un que teño ó meu carón: “Non entendo moito de fútbol, pero eu diría que acaban de meternos un bonito gol”.

Ana Dopazo
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

9/3/19

O fútbol polo mundo adiante


O certo é que o fútbol está socialmente moi mal conceptuado, que diría o outro. As veces no falta razón, cos chiringuitos de turno, coas noticias deportivas sempre falando do mesmo, non podemos negar que a imaxe que nos dan non é a mellor.
Pero eu non podo negar que incluso ese fútbol de masas me axudou de paseo polo mundo.
Non falo de ir a ver as grandes finais, ou do glamur dun partido de “Champions” ou de “Mundial”.

Falo dun recóndito país montañoso chamado Nagorno-Karabach, pequena rexión de Azerbaiyan ocupada por Armenia e pouco visitada por turistas. Falo de nenos duns oito anos que van pola rúa dándolle patadas a un balón e que ao vernos con pintas foráneas nos berran os nomes dos seus ídolos: "Iniesta! Iker Casillas!"

Falo dos 10 rapaces iraníes, dos que apenas un falaba un pouco de inglés: "I play defense! Carvajal! You Christian? We islam!. Falo das dúas horas que botamos tomando té, comendo figos pasos, e berrando nomes de futbolistas e posicionándonos uns aos outros nun campo imaxinario para explicar onde prefería xogar cada un de nós.

Falo do home controlando os pasaportes na fronteira a pé entre Kirgizstan e Uzbekistan: "Spain? Sergio Ramos!" Spain good!.

Falo do dono do refuxio das montañas de Kirgisztan, perto da fronteira con china a 3000 metros de altura. "De España? De que equipo eres? - Do Celta, non sei se o coñeces - Claro que si; e ti coñeces a Mostovoi?".

Falo da humilde familia uzbeca que nos acolleu dous días na súa casa, compartiron a súa comida e o seu té con nós. Falo do primo que emocionado nos preguntaba. “De España? Coñeces a Saúl ou a Fernando Torres? A que distancia che queda a casa de Saúl ou o Vicente Calderón?”.


Falo do párroco ortodoxo enfronte da catedral de Tblisi:, que ao vernos entrar nos interrogaba: “Ti eres de Hungria?... Puskas!! E ti de España?... Iniesta!! De Polonia dicías?... Lewandowski... non non... LewanGOLski!.

Falo dos tres rapaces cunhas cervezas de máis nun “bar de vellos” de Banja Luka, en Bosnia que nos berraban coa euforia e amizade que só o alcohol e un bo tema de conversación poden dar: “De España? Sodes irmáns!! Vlado Gudelj!.”

E por suposto falo do fútbol aficionado. Falo da pachanga dos martes despois de traballar, do entrenamento dos luns cun frío que pela, ou falo de Mauri de Madrid, que os luns pola mañá en horas de traballo, aos seus 38 anos, nos envía mensaxes no feisbuc: "a ver, cuantos estamos hoy, avisad rápido, que si nos falta gente llamo a unos colegas". E ao termina-la pachanga comentar: "Este es el mejor momento de la semana, y lo digo yo que empecé a jugar hace dos o tres años!"
"

Manuel Pajares


(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

O xeito de Manolomé


Manolomé sempre foi un outsider. Cando a xente paseaba polo centro da cidade, el prefería marchar  ao campo. Cando o convidaban a un roteiro montañoso con equipamento específico, a el ocorríaselle ir de vermouths ás 5 da tarde. Sempre dicía que a hora do vermouth era a hora do vermouth e non ás 12 da mañá. “As 12 da mañá é unha hora”. Ademáis el ao monte ía como lle viña en gana, dáballe igual pór un garsé granate que ir en niki de tirantes blanco raído con buracos para transpirar. Non reparaba niso.
Manolomé non era moi falado. Máis ben tosco e revirado, pero tiña bo corazón e moita sensibilidade. Medrou escoitando o Hallelujah de Leonard Cohen -que lle puña os pelos de punta-. Tamén lle gustaban Mark Knopfler, Bob Dylan e Richard Hawley, pero este último menos. De cativo respondía sempre incomodado aos seus compañeiros de colexio cando lle lembraban con sorna que aquilo era de vellos porque non se podía bailar. “A música é música!”. Dicía encabuxado e cheo de razón. Ademais era da opinión que os Beatles eran uns comemerdas e que os Rolling “moito Satanás, moito Satanás pero invocar só invocaban ao dólar, nin demo, nin nada!”.
Pero este tamén tiña debilidades inconfesables. Cantaba entre dentes cancións de Leonardo Favio nos menceres soleados mentres se espabilaba tocando a herba cos pés nús; e cantaba o Fina Estampa de Caetano Veloso neses paseos primaverais á beira do río, cando caía o sol e o ceo se tinguía arrebol.  “Una veredita alegre con luz de luna o de sol / Tendida como una cinta con sus lados de arrebol / Arrebol de los geranios y sonrisas con rubor / Arrebol de los claveles y las mejillas en flor”.
Tíñalle chiste a palabra arrebol. Soáballe ben. Era bonita, sonora, tiña ritmo. Tamén a canción, pero iso non o comentaba.
Os seus colegas dicían que era un reviejo e a verdade é que non ían moi desencamiñados. Manolomé sabíao, pero se la pelaba. El sempre foi feliz así e non tiña que dar explicacións a nin Dios do que escoitaba, do que facía ou do famoso garsé granate.
El aínda non coñecía a Carlos Pita, nin tampouco o fútbol remilgado que se xoga agora, pero a clase que tiña sobre o campo mandaba mecha. Era o único que xogaba coa testa erguida. El non quería marcar goles nin tampouco dar hostias. El era fino, elegante, perspicaz e un pouco baldragas, e esas cualidades servíanlle para erixirse coma o puto amo dos campos da rexión. Protagonista das conversas en tascas frías so sur da provincia, Manolomé era coma Garrincha, pero ao contrario. Non era coxo, tampouco zambo, que va! Él era un héroe pero anti-heroe, porque tampouco era un anti-heroe ao uso. Un concepto estrano, aparentemente sen xeito, pero que definitivamente enviaba balóns que atravesaban o campo de esquina a esquina. E ó pé. E sen mirar.
Manolomé gustaba a pesar de todo. Por iso e por non xogar có 5, senón có 14.
Todos dicían a Manolomé que se puxera en xeito, que tiña futuro no fútbol profesional, pero el non quería iso. El desfrutaba xogando sen maior preocupación cá de vestir o seu 14 cada semana, de sentir o arrencendo da terra húmida cada día de partido e de recrearse con esas sensacións que o fútbol lle daba. Ás veces frío, ás veces, non.
Sí, Manolomé sorría para si sabéndose protagonista. Non precisaba máis. O seu éxito era vivir e gozar deses momentos, de sentir o fútbol de verdade, ese que non engana e que axuda, ese que non retrata pero que vive, ese que berra á cara.
Os seus compañeiros sempre lle lembran no vestiario ao rematar cada partido: “Manolomé presidente da Xunta”. E el sempre reacciona sorrindo coa mirada baixa sen dicir nada.
Se queda boa tarde, ao chegar a casa, gústalle ir ao río a descansar, solazarse nos seus pensamentos e cantarruxar.
Perfumada de magnolia, rociada de mañanita / La veredita sonríe cuando tu pie la acaricia / Y la cuculí se ríe y la ventana se agita / Cuando por esa vereda tu fina estampa pasea.
Borja García
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

Todo o que aprendín cando menos o agardaba



Esta é a pequena historia dun rapaz que cando máis aprendeu do fútbol foi cando menos o agardaba. Pois eu, que aínda que me desagrade esa calificación son millenial ata as trancas (nacido no 96), aínda recordo os tempos onde os rapaces non tiñamos smartphones, nin ordenadores nin consolas de última xeración para pasar o tempo. Parece mentira, pero hoxe en día é impensable.

Con este panorama, supoño que non tería moito onde entreterme, foi como me acabei namorando dunha antiga colección de cromos que gardaba meu irmán, 10 anos máis vello ca min. Pasaba tódalas tardes ollando e revisando aquel álbum, e como na miña casa éramos culés (anos máis tarde comprendería a importancia daquilo de Support Your Local Team) recordo con especial agarimo tódolos cromos de xogadores do Barça, pero tamén algúns máis aleatorios como o de Craioveanu, Roa, Sonny Anderson ou un melenudo que estaba no Rácing de Santander que creo que se chamaba Magallanes.

Aquilo foi evolucionando cara facer as miñas propias coleccións mentras me convertía nun rapaz que devoraba todo o fútbol que botaban pola tele. Recordo moitas etapas, dende aqueles partidos de Champions que narraban na Primeira a dupla De la Casa - Míchel, cando botaban a Liga polas autonómicas, ata o partido do sábado ás 10 que facía Andrés Montes na Sexta, pasando por Fernando Vázquez e Luis César comentando a Champions na Galega ou un curto periodo de tempo no que nos ofrecían pola 2 a Premier League e incluso a Liga Italiana, que para un enfermo coma min era gloria bendita. Que tempos aqueles nos que che deixaban ver a previa do partido de Canal + en aberto e botabas todo o tempo rezando para que por un día se olvidasen de codificar a programación e che deixasen desfrutar dos teus ídolos con esa ilusión infantil que por desgraza un perde pra non volver a recuperala nunca. Cando a tele non me ofrecía alternativas acostumaba a tirar da radio, e foi así como agarrei unha afición que aínda conservo a día de hoxe.

Eu sempre xoguei ao fútbol sala, un deporte que me parece máis intenso e divertido para vivilo como xogador, pero sen embargo sempre foi e segue a ser o fútbol de 11 o que me proporcionou tantas e tantas horas de análise e desfrute. E foi así como, anos despois, me chegou a oportunidade de traballar cos rapaces das categorías inferiores da SD Guitiriz, de onde eu son. 

E curiosamente foi aquí, e isto é o que viña contar, onde eu máis aprendín de fútbol e de vida. Cando este deporte adquire un carácter máis lúdico e menos profesional, onde os erros a nivel técnico, táctico e incluso de disciplina se contan por milleiros cada día e onde o resultado final non pasa de mera anécdota, é xustamente tamén onde a satisfacción se fai máis grande. O ser partícipe do medrar dos nenos e formar parte dese proceso de aprendizaxe, ver como unha acción se executa ben logo de facela 50 veces mal, é algo que non ten prezo. Incluso a nivel social, tendo en conta que eu nunca fun o rapaz máis extrovertido do mundo, hai veces que costaba distinguir se eran máis irresponsables os cativos ou o que supostamente se debería encargar deles. Hei de decir, aínda que non vaia no meu favor, que o feito de que tras cada partido os obsequiase cunha morea de larpeiradas, dende caramelos a patacas fritas e incluso algunha enchenta de pizza, creo que xogaba un papel fundamental á hora de influir en que as sesións comigo lles resultasen moito máis interesantes do que o terían sido noutro tipo de circunstancias. :)

Ramón Rivas
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)