Segundo
o meu punto de vista, o fútbol é, por riba de todo, pasalo ben. É
diversión, compañeirismo, amizade e, aínda que se lle trate de
restar importancia continuamente, penso que tamén son resultados.
Máis ca resultados eu diría que é recoller os froitos do traballo
diario. Froitos que, por suposto, non se teñen que traducir
necesariamente nunha vitoria.
Tanto
nos adestramentos coma nos partidos adquirimos valores que na nosa
futura vida laboral serán requiridos en calquera currículum vítae
que se prece, como o traballo en grupo, indispensable para o bo
funcionamento do equipo no campo; e tamén outros, como o esforzo ou
a superación persoal.
Esta
tempada, tivemos que nos desprazar a novos destinos que non quedan
precisamente ao lado da casa, como foron o caso de Xove ou Viveiro.
Foron longas viaxes, das que aínda que volvemos sen recompensa no
que ao fútbol se refire, pasámolo moi ben. O noso equipo remata
converténdose nunha gran familia. Ao final compartimos
adestramentos, viaxes coma as citadas, partidos e multitude de
vivencias.
Tamén
grazas ao fútbol coñecemos novos lugares. Na devandita viaxe a
Viveiro aproveitamos para saír cedo pola mañá para poder comer por
alí e dar un paseo por esta pintoresca vila mariñá.
Aproveito
tamén para poñer en valor o fútbol local, o que se xoga nas nosas
vilas e o que nos permite tamén gozar deste deporte dende dentro.
Ante tanta saturación de Real Madrid e Barça, os equipos, campos e
partidos das competicións rexionais máis pequenas quedan a miúdo
no esquecemento. Equipos que están cheos de boa xente, e de
directivos que o dan todo cada día polos seus clubs, moitas veces
sen recibir compensacións económicas de ningún tipo.
Creo
que é outra das cousas que non valoramos o suficiente. O de ter un
equipo que xoga a carón da casa. Os domingos non serían o mesmo
para moitos dos asiduos a estas citas. En definitiva, é o noso
fútbol, e hai que apoialo.
Carlos González
No hay comentarios:
Publicar un comentario