“Unha das grandes
fraquezas de Paderna era o fútbol…”
Manuel María / “A tribo
ten catro ríos”
Naquela etapa, ao redor
do ano 1980, xogabamos clubes dunha rodeada que comprendía boa parte
da Terra Chá. A maiores do Bonxe, o noso propio, existiran outros
moitos, entre eles os de Aguiar, Sobrada, Paz, Mosteiro, Gaioso,
Silvarrei, Robra e Outeiro de Rei, todos eles na contorna do citado
concello. Tamén Matodoso, San Xiao de Mos, Bazar, e Castro, dentro
do municipio de Castro de Rei. Por outra banda houbera o Meira,
Ribeira de Piquín e Ríoxoán.
Por outra parte,
existiran clubes conformados na capital lucense tales como Galicia
Atlético, Albeiros, Tirimol e Peñarol de Pías, entre outros. E
mesmo algúns do veciño concello de Begonte, tales como o Saavedra e
aquel nomeado San Martiño, que tiña a súa orixe na parroquia de
Carral. Esta é unha parte dos existentes, mais non todos, xa que a
memoria de nós marcha por camiños que ela mesma procura esquecendo
con frecuencia acontecementos e nomes.
Para terreo de xogo era
común adaptarmos calquera veiga sen pórlle moitos reparos. Así, en
tal contexto, producíanse situacións que hoxe en día non son
doadas de entender. Buratos competentes producidos polo gando á hora
de pacer as outonías, a herba sen cortar formando montilleiras, por
non falar dos asulagamentos continuados que se producían e que mesmo
xustificaban o nome de Liga do Inverno moi acaído para esta
competición que falamos.
As porterías, con
afortunadas excepcións, ían construídas con dous postes de
bidueiro e seu traveseiro correspondente. Para conseguirmos redes
houbera que realizar viaxes á costa e facérmonos con algunhas das
que xa non eran utilizadas polos barcos para a pesca. Vestiarios e
auga corrente eran luxos que non existían no mundo de daquela.
Cadaquén procuraba as solucións máis axeitadas, dende lavármonos
nas gabias cheas de auga até mudarmos a roupa mollada e marchar coma
foguetes para facelo na casa.
Orlando V. Veiga
No hay comentarios:
Publicar un comentario