“Os coches chegaban dende o campo da Granxa a Palavea”. “Grazas á Garda Civil de Tráfico puido circularse pola Vedra”. “Nin na batalla de Elviña houbo tanta xente”… con comentarios coma estes a prensa describía a grande revolución que armaron estas rapazas.
Foi unha idea para divertirnos entre nós. Os homes non se queixaron, mesmo nos deixaron as camisetas e os pantalóns do equipo do Relámpago.
Fala Luísa de la Fuente, cincuenta anos rexentando O Currucho, taberna-resistente: Primeiro xogamos nun campo que había onda a Seat, alá na de Chelo. E despois aquí abaixo, no campo da Laxe. Desfixérono para abrir a “carretera” de Pocomaco. Prometeron que ían facer outro e ao final quedou Elviña sen campo de fútbol.
O Carnaval seguinte volveu disputarse o partido. A paixón atlético-antroideira foi in crescendo, ata que un ano todos os obreiros da cidade se negaron a traballar por ir ver aquelas rapazas. O Concello tivo que declarar o día non laborable. Grazas ao arrouto futbolístico destas mulleres hoxe é festivo na Coruña o Martes de Carnaval. É que, segundo Luísa, dianteira do equipo das casadas, as rapazas cumprían no campo: Aquí había nenas moi guapas. Unhas aínda traballaron ata hai pouco na fábrica de Tabacos. A Vidala era adestradora e porteira das casadas, era a que nos volvía tolas. No noso equipo xogaba tamén Olimpia, Amparo de Catoira e un lote de moi boas mozas. Maruja, a Macanesa, e mais Eva eran as masaxistas. Non adestrábamos nada, pero íamos todas ver xogar ao Relámpago para coller recortes.
Os primeiros anos pasaban un paxete para costear as fotos. Despois había tanta xente que os espectadores ata se disputaban os sitios nos curutos dos montes. No último campionato recadaron máis de 41.000 pesetas -das de entón- que foron destinados a fins benéficos, se ben a directiva do Relámpago de Elviña esixiu 2.000 pesetas para amañar as desfeitas que a marabunta de espectadores ocasionaran no campo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario