Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

3/3/19

Pirri

- Avó, cóntame dos teus tempos mozos, de cando xogabas ao fútbol.

A neta aproveitou o tempo que o avó comía un petisco para interrogalo sobre o deporte do que gozaba con outras crianzas no patio da escola. El bebeu un grolo de viño e mastigou outro bocado, namentres facía memoria. Non pasaran tantas décadas, mais eses tempos gloriosos están gardados nun lugar tan fermoso que custa ilos desenguedellando.

- Ai, nena, -falou por fin- esa foi a mellor época da miña vida. Xoguei dende os dezaseis ata os trinta. E rímonos moito.

Ante os enormes ollos da pequena, que escasamente pestanexaban, o avó relembrou os tempos de futbolista afeccionado. De como ao principio ían aos curros para cortaren longos paus que fixeran as veces de porterías. E, mais adiante, logo de reunírense, cada xogador puxera uns cartos e encargaran unhas porterías de ferro e mais o equipamento. E mesmo os balóns foron custeados entre todos os rapaces. Contou tamén como ían xogar a outros pobos: a Outeiro, a Bazar, a Santa Cristina. Con estes últimos, dixo, tiñan moitas disputas porque había unha grande rivalidade ó ser a parroquia do lado. Pero nunca chegaban ás mans, aclarou o avó. Pola festa organizábanse partidos de solteiros contra casados, ou contra outras parroquias veciñas.

A neta tamén aprendeu que cada xogador tiña o seu alcume, acorde cos tempos: Santillana, o Rato, Bobby Charlton; ou Pirri, que era o avó. Levara ese nome con orgullo e, tempo despois, mesmo coñecían a casa pola do “Pirri”. As honras futbolísticas locais é o que teñen...

- E gañábades algo? Íavos ver moita xente?

- Gañar?? -estourou por un intre a risa retranqueira do avó-. Que habíamos gañar! Xogabamos por afección, por pasalo ben. Xantabamos e deseguida, veña, ao campo, toda a tarde, a adestrar polos prados adiante. No inverno había que xogar nas pradelas altas; e poucas había, pois esta é unha terra de moita auga. Víñannos ver algúns veciños, sobre todo vellos que xa non podían traballar ou que tiñan gusto polo fútbol. E algún vello aínda se animaba a dar unhas patadas ó balón. E ás veces caían deitados na herba e púñanse perdidos. No inverno mollabámonos moito. Mira, como facíamos dous equipos, metíamos uns cantos vellos en cada un; repartiámolos, sabes. E así todos o pasabamos ben. Ó final, cando xa iamos ben cansos e cheos de suor, tomabamos un refresco na taberna da Luísa, que era a que tiñamos daquela máis a man. Era afamada en toda a contorna.


Aínda seguiron un anaco coa emocionante entrevista. A pequena preguntaba e o avó volvía a aqueles tempos gardados con querenza no faiado da memoria.

- Veña, avoíño, collo o balón e saímos fóra a darlle uns toques!!


Almudena Falcón
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

No hay comentarios:

Publicar un comentario